Revolución de Febreiro
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Revolución de Febreiro (en ruso: Февральская революция, fevralskaia revoliutsiia) de 1917 no Imperio Ruso marcou a primeira etapa da Revolución Rusa de 1917. Causou a abdicación do tsar Nicolao II, puxo fin á monarquía rusa e levou á formación dun Goberno provisional. Esta revolución naceu como reacción á política realizada polo tsar, a súa negación a outorgar reformas políticas liberais e contra a participación de Rusia na primeira guerra mundial, que inflixira grandes penurias á poboación. O réxime nacente resultou dunha alianza entre liberais e socialistas que debía dar paso a un executivo elixido democraticamente e unha asemblea constituínte.[1]
Revolución de Febreiro | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Parte de Revolución Rusa de 1917 | |||||||||
Tropas revolucionarias atacando á policía tsarista en febreiro de 1917. | |||||||||
| |||||||||
Belixerantes | |||||||||
Imperio Ruso | Revolucionarios
| ||||||||
Líderes | |||||||||
Tsar Nicolao II Xeneral Sergei Khabalov |
Mikhail Rodzianko Georgii Lvov Pavel Miliukov Aleksandr Kerenskii Nikolai Chkheidze Aleksandr Shliapnikov |
Este artigo amosa letras cirílicas. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
Ás crecentes pero estériles conspiracións contra o goberno autocrático de finais de 1916 uníronse as penurias da poboación, cada vez maiores, que produciron protestas a comezos de 1917. No principio do ano, ao descontento político pola falta de reformas sumáronse as privacións da poboación, moi prexudicada pola grande inflación e a escaseza de alimentos e produtos básicos. A comezos de 1917, a incompetencia gobernamental, o descrédito e oposición a calquera cambio político do monarca, as divisións entre os políticos, o desapego da sociedade educada coa autocracia, a crise económica, a reaparición de anteriores tensións sociais e económicas, a duración da guerra e o rexurdimento dos partidos revolucionarios favorecían un cambio.[2]
A duración da revolución limítase habitualmente a cinco días de comezos de marzo,[3] aínda que os acontecementos políticos desencadeados polas protestas duraron ao redor dunha semana. Tradicionalmente considéranse dous factores como causantes da revolución: as manifestacións populares espontáneas polas malas condicións de vida e as actividades da oposición liberal e os mandos militares contra o goberno imperial.[4]
As protestas comezaron o Día Internacional da Muller por mor das privacións e pronto se estenderon entre os obreiros da capital. A pasividade de parte das forzas de seguridade da urbe, especialmente dos destacamentos de cosacos e dos rexementos da gornición da cidade, facilitaron a súa expansión. Os días seguintes as manifestacións creceron e seguiron un mesmo patrón: confraternidade crecente entre os manifestantes e as tropas, enfrontamentos coa policía e calma nocturna. A noite do sábado, con todo, a situación cambiou coa orde do tsar de acabar coas protestas pola forza, que obrigou ás tropas da gornición a tomar partido e a decisión do Goberno de disolver a Duma ata abril. O domingo o número de vítimas creceu notablemente e o ánimo da gornición, obrigada a esmagar as desordes coas armas, volveuse revoltoso; rapidamente o Goberno perdeu o control da maioría das unidades militares da cidade e quedou impotente para acabar coa revolta. Pola súa banda, a Duma, contraria ata entón a enfrontarse abertamente co Goberno –preferindo un acordo de reformas co soberano–, decidiu apoiar as protestas para tratar de controlalas.
O tsar reaccionou negándose a outorgar reformas políticas e ordenando a marcha de tropas contra a capital, pero a resistencia dos altos mandos militares a enfrascarse en grandes operacións militares na retagarda, o seu convencemento da necesidade de realizar concesións e chegar a un acordo coa Duma, o control das comunicacións polos rebeldes e a falta de confianza nas tropas frustraron este intento de sufocar a revolución na capital.
O martes as últimas tropas leais ao Goberno acuarteláranse por non chegaren os reforzos esperados da fronte, o Goberno dispersárase para tratar de evitar a súa captura a noite anterior e algunhas importantes cidades uníronse ao alzamento. O xoves o tsar, privado do apoio dos seus xenerais, abdicaba no seu irmán o gran duque Miguel que, porén, non aceptou o trono ata a celebración de eleccións, o que facilitou a formación dun novo Goberno provisional acordado polos recentemente formados Comité Provisional da Duma e Comité executivo do Soviet de Petrogrado. As principais consecuencias da revolución foron o afundimento do réxime autocrático tsarista e a formación dun poder de goberno dual, compartido de xeito inestable entre o Goberno provisional e o Soviet de Petrogrado.[4] Esta inestabilidade no poder conduciu finalmente á Revolución de Outubro, que acabou co Goberno provisional e precipitou a posterior guerra civil.