Alfabeto cirílico
alfabeto utilizado para escribir seis linguas eslavas / From Wikipedia, the free encyclopedia
O cirílico é un alfabeto creado en Bulgaria no século IX, derivado da grafía uncial do grego aumentada con letras do alfabeto glagolítico, incluíndo algunhas ligaduras. Estas letras adicionais usáronse no antigo eslavo eclesiástico para sons que non existían no grego. O nome do alfabeto fai referencia aos irmáns bizantinos Cirilo e Metodio, quen crearon o máis antigo alfabeto glagolítico.[1] Os estudosos modernos cren que o cirílico foi desenvolvido e formalizado polos primeiros discípulos de Cirilo e Metodio, particularmente por Clemente de Ohrid, polo que o seu nome denota máis homenaxe ca autoría.
Tipo | Alfabeto |
---|---|
Linguas | Ruso ucraíno belaruso serbio macedonio e búlgaro e outros, sobre todo faladas en Rusia |
Creador | un misioneiro do Imperio Bizantino en Bulgaria (posibelmente san Clemente de Ohrid) |
Sistemas | |
Sistemas correlatos | Alfabeto glagolítico Alfabeto latino Alfabeto copto Alfabeto armenio Alfabeto xeorxiano |
Código ISO 15924 | Cyrl, 220 |
Unicode | U+0400–U+04FF Cirílico U+0500–U+052F Suplemento de cirílico U+2DE0–U+2DFF Cirílico Extensión-A |
Historia do alfabeto |
---|
Idade de Bronce Medio ss –XIX - -XV
|
Meroítico s. –III. |
Xenealoxía completa |
Este artigo amosa letras cirílicas. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
O nome cirílico confunde con frecuencia a moita xente que non está familiarizada coa historia dos alfabetos, pois non identifica ao país de orixe (en contraste co "alfabeto grego"). Entre o público en xeral, é coñecido como "o alfabeto ruso" por ser esta lingua a máis influente e con máis falantes de entre as que basean o seu alfabeto na grafía cirílica. Algúns intelectuais búlgaros, especialmente Stefan Tsanev, preocupáronse do tema e suxeriron que o cirílico sexa, pola contra, chamado "alfabeto búlgaro", en prol da precisión histórica.[2] Nótese que aquí 'alfabeto' non é o mesmo que 'grafía' ou 'script' (por exemplo, a letra Її existe na grafía cirílica desde a súa invención e aínda é usada en ucraíno, mais non existe no alfabeto búlgaro moderno, isto é, no cirílico que se usa en Bulgaria), polo tanto, o nome adecuado debería realmente ser 'grafía búlgara' ou 'script búlgaro'.
O cirílico utilízase para escribir en varias linguas ao longo de Eurasia, sendo a base dos alfabetos de varias linguas eslavas, turcas, mongólicas e iranias, faladas en países da Europa Suroriental, Europa Oriental, a rexión do Cáucaso, Siberia, Asia Central e Asia Oriental.
En Bulgaria, Macedonia, Rusia, Serbia e Eslovaquia, o cirílico coñécese tamén como азбука (azbuka), nome derivado dos vellos nomes das tres primeiras letras da maioría dos alfabetos cirílicos (do mesmo xeito que o nome 'alfabeto' procede das dúas primeiras letras gregas, alpha e beta). Na lingua rusa, é frecuente referirse aos silabarios, especialmente ao kana xaponés, como "azbukas silábicos" no canto de "grafías silábicas".