Liberalismo
movemento socio-político / From Wikipedia, the free encyclopedia
O liberalismo é unha corrente de pensamento filosófica e unha ideoloxía que ten a liberdade e igualdade fronte á lei como o principais valores políticos e baséase nunha fe optimista na natureza e na súa crenza da razón, ten a súa orixe na Ilustración europea e enfatiza os dereitos individuais, preconiza unha sociedade baseada na liberdade de pensamento, na limitación do poder, no goberno da lei, no libre mercado que soporte a empresa privada e nun sistema transparente de goberno no cal se protexan os dereitos de todos os cidadáns. O radicalismo é unha ideoloxía liberal progresista nalgúns países difícil de distinguir dos liberalismo clásico.
Así mesmo o liberalismo é unha filosofía política e moral baseada nos dereitos do individuo, a liberdade, o consentimento dos gobernados, a igualdade política e a igualdade ante a lei.[1][2][3] Os liberais defenden diversos puntos de vista en función da súa interpretación destes principios, pero en xeral apoian a propiedade privada, a economía de mercado, os dereitos individuais (incluídos os dereitos civís e os dereitos humanos), a democracia liberal, o laicismo, o estado de dereito, a liberdade económica e a liberdade política, a liberdade de expresión, a liberdade de prensa, a liberdade de reunión e a liberdade relixiosa, [11] goberno constitucional, dereitos de privacidade, e normativa sobre o papel da tecnoloxía nos sectores privado e público.[12] O liberalismo cítase con frecuencia como a ideoloxía dominante da historia moderna.[13][14]
O liberalismo converteuse nun movemento político distinto no século das luces, gañando popularidade entre os filósofos e economistas de occidente. O liberalismo pretendía substituír as normas de privilexio hereditario, relixión de estado, monarquía absoluta, dereito divino dos reis e conservadurismo tradicional pola democracia representativa, o estado de dereito e a igualdade ante a lei. Os liberais tamén acabaron coas políticas mercantilistas, monopolios reais e outras barreiras comerciais, promovendo no seu lugar o libre comercio e a mercantilización.[15] A miúdo atribúese ao filósofo John Locke a fundación do liberalismo como unha tradición distinta baseada no contrato social, argumentando que cada home ten dereito natural a a vida, a liberdade e a propiedade, e os gobernos non deben violar estes dereitos.[16] Mentres que a tradición liberal británica fixo fincapé na expansión da democracia, o liberalismo francés fixo fincapé no rexeitamento do autoritarismo e está vinculado a construción nacional.[17]
Líderes da Revolución Gloriosa británica de 1688,[18] da Revolución Americana de 1776 e da Revolución Francesa de 1789 utilizaron a filosofía liberal para xustificar o derrocamento armado da soberanía real. No século XIX establecéronse gobernos liberais en Europa e América do Sur, e consolidouse xunto ao republicanismo nos Estados Unidos.[19] Na época vitoriana, en Gran Bretaña, utilizouse o liberalismo para criticar ao poder político, apelando á ciencia e á razón en nome do pobo.[20] Durante o século XIX e principios do XX, o liberalismo no Imperio Otomán e Oriente Próximo influio en períodos de reforma, como nos períodos Tanzimat e Al-Nahda, e no auxe do constitucionalismo, o nacionalismo e o secularismo. Estes cambios, xunto con outros factores, contribuíron a crear unha sensación de crise no seo do islam, que perdura ata os nosos días e que conduce ao renacemento islámico. Antes de 1920, os principais opoñentes ideolóxicos do liberalismo eran o comunismo, o conservadorismo e o socialismo;[21] O liberalismo enfrontouse entón a importantes desafíos ideolóxicos por parte do fascismo e o marxismo-leninismo como novos opoñentes. Durante o século XX, as ideas liberais estendéronse aínda máis, especialmente na Europa Occidental, xa que as democracias liberais resultaron vencedoras nas dúas guerras mundiais.[22]
Os liberais buscaron e estableceron unha orde constitucional que valoraba importantes liberdades individuais, como a liberdade de expresión e a liberdade de asociación; un poder xudicial independente e xuízo con xurado público; e a abolición dos privilexios da aristocracia.[15] As ondas posteriores de pensamento e loita liberais modernos estiveron fortemente influídas pola necesidade de ampliar os dereitos civís.[23] Os liberais avogaron pola igualdade racial e de xénero no seu empeño por promover os dereitos civís, e os movementos polos dereitos civís mundiais do século XX lograron varios obxectivos cara a ambas as metas. Outros obxectivos a miúdo aceptados polos liberais son o sufraxio universal e o acceso universal á educación. En Europa e América do Norte, o establecemento do liberalismo social (a miúdo chamado simplemente liberalismo nos Estados Unidos) converteuse nun compoñente clave para a expansión do estado do benestar.[24] Na actualidade, os partidos liberais seguen exercendo o poder e influíndo en todo o mundo. Os elementos fundamentais da sociedade contemporánea teñen raíces liberais. As primeiras ondas do liberalismo popularizaron o individualismo económico á vez que ampliaban o goberno constitucional e a autoridade parlamentaria.[15]