Goberno provisional ruso
gobernos en Petrogrado en 1917 entre a abdicación do tsar e a Revolución de Outubro / From Wikipedia, the free encyclopedia
O Goberno provisional ruso formouse en Petrogrado despois da abdicación do tsar Nicolao II durante a Revolución de Febreiro de 1917. Consistiu nunha serie de sucesivos gabinetes, principalmente de coalición entre políticos liberais e socialistas moderados, que trataron infrutuosamente de resolver os graves problemas aos que se enfrontaba o país, enfrascado na impopular primeira guerra mundial, ata a toma do poder dos bolxeviques en novembro, ala radical do Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia, na Revolución de Outubro.
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Estado desaparecido | República Russa (pt) | |||
Poboación | ||||
Lingua oficial | lingua rusa | |||
Datos históricos | ||||
Precedido por | ||||
Creación | 29 de marzo de 1917 | |||
Disolución | 26 de outubro de 1917 (Xuliano) | |||
Sucedido por | Consello de Comisarios do Pobo, Council of people's commissars of the RSFSR (en) , Directorio de Omsk e Asemblea Constituínte Rusa | |||
Organización política | ||||
• Xefe do goberno | Georgy Lvov Aleksandr Kérenski | |||
Este artigo amosa letras cirílicas. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
O primeiro goberno estivo formado exclusivamente por políticos burgueses, coa única excepción de Aleksandr Kerenskii, do Partido Social-Revolucionario (SR), que ingresou no goberno a título persoal. Durou apenas dous meses antes de cesar durante a Crise de abril debido ás diferenzas sobre a guerra entre socialistas e os membros máis conservadores do Consello de Ministros. Formouse entón o primeiro dos varios Gobernos de coalición entre liberais e socialistas. O príncipe Georgii Lvov mantívose á fronte do novo Goberno ata despois do fracaso da Ofensiva de Kerenskii, a crise cos membros do Partido Democrático Constitucional, os kadetes, pola tensión cos nacionalistas ucraínos e as Xornadas de Xullo, cando lle sucedeu Kerenskii á fronte dun gabinete temporal de socialistas e liberais independentes. Estes primeiros gobernos realizaron unha ampla labor de reforma política, pero non resolveron os problemas máis importantes da poboación: a fin da guerra, a reforma agraria, os cambios nas condicións dos obreiros urbanos e as aspiracións das minorías.
O novo acordo entre kadetes e socialistas xurdido tras semanas de negociacións puxo fin á crise gobernamental do verán, pero non resolveu os desacordos entre eles nin permitiu avanzar nas reformas sociais e económicas esixidas cada vez con máis insistencia pola poboación nin levou a avances no fin da guerra. O verán trouxo a radicalización da situación en Rusia: mentres a dereita tendía a buscar unha figura autoritaria que impuxese orde, acabase coa crise e retomase a guerra con vigor, a esquerda reclamaba cada vez con maior insistencia a aplicación de profundas reformas políticas, sociais e económicas. A falta de resultados das accións do Goberno e o fracaso do intento de golpe de Estado do comandante en xefe do Exército, debilitaron tanto á dereita como ao Goberno, ao que se viu involucrado no mesmo, e reforzaron a posición da esquerda radical, favorable á toma do poder polos soviets.
A mediados do outono, a situación de crise e a debilidade do Goberno levaron á discusión aberta dun cambio de Goberno e a formación dun puramente socialista. Mentres no campo os soviets aceleraban unha reforma agraria oficiosa e se independizaban de feito da administración central, nas cidades crecía o apoio á esquerda radical; cando os bolxeviques decidiron tomar o poder a través dos soviets no Segundo Congreso Nacional dos Soviets, a oposición gobernamental foi mínima. A Revolución de Outubro puxo fin ao período do Goberno provisional e deu paso a un novo bolxevique, o Sovnarkom.