Corazón
órgano que bombea sangue ao aparato circulatorio / From Wikipedia, the free encyclopedia
O corazón[1] é un órgano muscular dos humanos e outros animais, que bombea o sangue a través dos vasos sanguíneos do sistema circulatorio.[2] O sangue fornece o corpo de osíxeno e nutrientes, e tamén axuda á eliminación de residuos metabólicos.[3] En humanos, o corazón atópase entre os pulmóns, no mediastino medio da cavidade torácica.[4]
Corazón | |
---|---|
Corazón humano | |
Posición do corazón en relación cos pulmóns. | |
Latín | cor |
Grego | kardía (καρδία) |
Sistema | Circulatorio |
Arteria | Aorta,[lower-alpha 1] tronco pulmonar e arterias pulmonares esquerda e dereita [lower-alpha 2] Arteria coronaria dereita, arteria coronaria esquerda dominante[lower-alpha 3] |
Vea | Vea cava superior, vea cava inferior,[lower-alpha 4] veas pulmonares esquerda e dereita,[lower-alpha 5] vea cardíaca magna, vea cardíaca media, vea cardíaca pequena, veas cardíacas anteriores.[lower-alpha 6] |
Nervio(s) | nervio acelerador, nervio vago |
MeSH | Heart |
Información sobre ficheiros multimedia. |
Nos seres humanos, outros mamíferos e aves, o corazón está dividido en catro cámaras: aurículas superiores esquerda e dereita; e ventrículos esquerdo e dereito.[5][6] A aurícula e o ventrículo dereito adoitan ser designados en conxunto como corazón dereito e as súas contrapartes como corazón esquerdo.[7] Os peixes, en contraste, teñen dúas cámaras, unha aurícula e un ventrículo, mentres que os réptiles posúen tres cámaras.[6] Nun corazón saudable o sangue flúe nun só sentido a través do corazón debido ás válvulas cardíacas, que impiden o refluxo.[4] O corazón está pechado nunha protección sacular, o pericardio, que tamén contén unha pequena cantidade de fluído. A parede do corazón está composta de tres capas: epicardio, miocardio e endocardio.[8]
O corazón bombea o sangue cun ritmo determinado por un grupo de células marcapaso no nó sinoauricular. Estas xeran unha corrente que provoca contracción do corazón, viaxando a través do nó auriculoventricular e ao longo do sistema de condución cardíaco. O corazón recibe sangue con baixa concentración de osíxeno desde o aparato circulatorio, que entra na aurícula dereita polas veas cavas superior e inferior e pasa ao ventrículo dereito. A partir de aquí, é bombeado cara á circulación pulmonar, a través dos pulmóns, onde recibe o osíxeno e libera o dióxido de carbono. O sangue osixenado despois volve á aurícula esquerda, pasa a través do ventrículo esquerdo e é bombeado para fóra a través da aorta ao sistema circulatorio, onde o osíxeno é utilizado e metabolizado a dióxido de carbono.[9] O corazón bate cunha frecuencia cardíaca de repouso de preto de 72 latexos por minuto.[10] O exercicio físico aumenta temporalmente a frecuencia, pero diminúe a frecuencia cardíaca de repouso a longo prazo e é bo para a saúde do corazón.[11]
As doenzas cardiovasculares (DCV) son a causa máis común de morte en todo o mundo dende 2008, correspondendo a un 30% de mortes.[12][13] Destas, máis de tres cuartos son resultado da doenza arterial coronaria e ataque cerebrovascular.[12] Os factores de risco inclúen: tabaquismo, sobrepeso, pouco exercicio físico, colesterol alto, hipertensión arterial e diabetes mal controlados, entre outros.[14] As doenzas cardiovasculares a miúdo non presentan síntomas ou poden causar dor no peito ou dificultade para respirar. O diagnóstico da doenza cardíaca faise moitas veces tendo en conta a historia clínica, escoitando os sons do corazón cun estetoscopio, ECG e ultrasóns.[4] Os especialistas en doenzas do corazón chámanse cardiólogos, aínda que moitas outras especialidades da medicina poidan estar implicadas no tratamento.[13]