Músculo
órgano formado por tecido muscular / From Wikipedia, the free encyclopedia
O músculo[1] (do latín, musculus, diminutivo de mus, "rato"[2][3][4][5]) é o tecido contráctil do corpo; deriva da capa mesodérmica de células xerminais embrionarias. En conxunto, son cada un dos órganos carnosos que, con súa contractilidade, son os instrumentos inmediatos para producir ou contrarrestar os movementos. O elemento anatómico constitutivo é a fibra muscular, que pode ser lisa ou estriada.[3] E por musculatura enténdese a agrupación de, ora todos os músculos do corpo, ora os dunha parte concreta do corpo[6] (por exemplo, a musculatura facial ou a musculatura cervical).
A súa función debe ser o feito de producir movemento de forza que fai posible a locomoción ou o movemento dentro dos órganos internos; os músculos contráense co obxectivo de desprazar ou mover partes do corpo, e transportar substancias no seu interior. En fisioloxía, o músculo é un dos catro tipos de tecidos. Os outros tres son o epitelio, o tecido conxuntivo e o tecido nervioso.[7]
Moitas das contraccións de músculos realízanse sen unha acción consciente, e son accións precisas para a supervivencia, como o é a contracción do corazón, ou o movemento peristáltico, que fai circular o alimento a través do sistema dixestivo. A contracción consiste na capacidade que teñen os músculos de diminuír de lonxitude nunha das dimensións e aumentala noutras.[8] A contracción de músculos voluntarios utilízase para mover o corpo, e pódese controlar minuciosamente, como son os movementos do ollo, ou movementos grandes como o do cuadríceps da coxa. O meirande é o glúteo maior (o cal, xunto co glúteo medio e o glúteo menor serven para erguerse e soster a pelve, por movementos do fémur e da coxa).[9]