África
continente / From Wikipedia, the free encyclopedia
África ( pronunciación (axuda · info)) é o segundo continente en poboación e extensión, despois de Asia. A súa área é de 30.249.096 km²,[1] incluíndo as illas adxacentes, o que representa o 20% da superficie da Terra.[2] Con 1 200 millóns de persoas no ano 2016, representa o 16% da poboación mundial. Limita ao norte co mar Mediterráneo, ao oeste co océano Atlántico, ao sur coa conxunción dos océanos Atlántico e Índico e ao leste co mar Vermello e o océano Índico. O continente inclúe a illa de Madagascar e varios arquipélagos. Conta con 54 estados soberanos plenamente recoñecidos, nove territorios e dous estados independentes de facto non recoñecidos ou con recoñecemento limitado. A maioría do continente e dos seus países atópanse no hemisferio norte, mais cunha parte substancial no hemisferio sur.[3]
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Poboación | |||||
Poboación | 1.200.000.000 (2016) (39,64 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 30.271.000 km² | ||||
Punto máis alto | Kibo (pt) (5.895 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
A poboación media de África é a máis nova de entre tódolos continentes;[4][5] cunha media de idade no 2012 de 19,7 anos, mentres que no resto do mundo a media era de 30,4.[6] Alxeria é o país africano máis grande en superficie, e Nixeria o que conta coa maior poboación. África, particularmente a zona central leste, está considerada a orixe da humanidade e da árbore Hominidae (homínidos) segundo unha das hipóteses científicas da evolución humana (a da "arca de Noé"), pola descuberta alí dos restos máis antigos dos antecesores humanos, datados darredor duns sete millóns de anos, como poden ser Sahelanthropus tchadensis, Australopithecus africanus, A. afarensis, Homo erectus, H. habilis ou H. ergaster; e o Homo sapiens atopado en Etiopía duns 200.000 anos.[7] África é atravesada polo ecuador e conta con numerosas áreas climáticas, sendo o único continente en ter climas temperados nas súas zonas norte e ur.[8]
África alberga unha gran diversidade étnica, cultural e lingüística. A finais do século XIX, os países europeos colonizaron case toda África; a maioría dos actuais estados de África xurdiron dun proceso de descolonización durante o século XX. As nacións africanas cooperan a través da Unión Africana, cuxa sede está en Adís Abeba.
A Organización para a Unidade Africana (OUA) (convertida en 2002 na actual Unión Africana (UA)) naceu o 25 de maio de 1963. Deste xeito, cada 25 de maio celébrase o Día de África, co obxectivo de promover a unidade e solidariedade entre os países africanos e acadar a cooperación internacional [9] [10].