Novo Imperialismo
From Wikipedia, the free encyclopedia
No contexto histórico, o Novo Imperialismo é unha política e período de expasión colonial das potencias europeas, os Estados Unidos e o Xapón durante finais do século XIX e comezos do XX.[1] O período supuxo unha carreira sen precedentes de novas adquisicións territoriais de ultramar. Daquela, os estados centráronse en construír imperios grazas a novos avances e desenvolvementos tecnolóxicos, facendo medrar o seu territorio a través da conquista e a explotación dos recursos dos países subxugados. Durante a era do Novo Imperialismo, as potencias occidentais (e o Xapón) conquistaron individualmente case toda África e partes de Asia. A nova onda de imperialismo reflectiuse en rivalidades entre as grandes potencias, o desexo económico de novos recursos e mercados, e o ethos da "misión civilizadora". Moitas das colonias creadas durante esta época acadaron a independencia na época da descolonización que seguiu á segunda guerra mundial.
O cualificativo "Novo" é empregado para diferenciar o imperialismo moderno da actividade imperial máis antiga, como a chamada primeira onda de colonización europea que se desenvolveu entre os séculos XV e XIX.[1][2] Na primeira onda de colonización, as potencias europeas conquistaron e colonizaron América e Siberia; despois crearon postos de avanzada en África e Asia.