Uatsdin
From Wikipedia, the free encyclopedia
Uatsdin (en oseto: Уацдин, ás veces escrito Watsdin), e tamén coñecida como Assdin (Ассдин, "fe nos asos"), ou Ætsæg Din (Æцæг Дин, literalmente "fe verdadeira"; o mesmo significado de "Uatsdin", que é unha palabra composta),[1] ou Assianismo (Ассианство), é unha relixión tradicional practicada principalmente polos osetos (un pobo iranio oriental[2], que habita na rexión de Osetia, no Cáucaso que no presente está dividida entre dous estados: a república de Osetia do Norte-Alania en Rusia, e o estado de Osetia do Sur). Esta relixión experimentou unha crecente recuperación dende a década de 1980.[3]
Este artigo amosa letras cirílicas. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
Certas tradicións da relixión tradicional dos osetos sobreviviron até o presente, e foron revitalizadas especialmente nas áreas rurais. Isto contrasta co movemento urbano e máis intelectual que elaborou unha relixión sistemática para resucitar a relixión e superar a crise de identidade dos osetos. Este movemento baséase no nacionalismo étnico e na oposición ó cristianismo ordodoxo ruso e xeorxiano, que é percibido como estranxeiro, así como tamén ó islam profesado polos veciños turcos e outros pobos caucásicos.[3] A meirande organización desta relixión entre os osetos é a Igrexa Atsætæ (en oseto: Ацæтæ) liderada por Daurbek Makeyev, e con sé en Osetia do Norte-Alania.
O movemento Uatsdin está activo tanto en Osetia do Norte coma no Sur. Aínda que non hai cifras sobre a demografía relixiosa en Osetia do Sur, en Osetia do Norte-Alania arredor do 29% do poboación profesa esta relixión tradicional segundo un estudo de 2012.[4]