Tartaruga xigante
From Wikipedia, the free encyclopedia
As tartarugas xigantes son réptiles quelonios testudínidos de gran tamaño que actualmente se encontran en dous grupos de illas tropicais: o atol de Aldabra nas Seychelles (Índico) e as illas Galápagos no Pacífico fronte a Ecuador (as especies que existían nas illas Mascareñas foron exterminadas arredor de 1900). Estas tartarugas poden pesar ata 417 kg e medrar ata 1,3 m de longo. Os antepasados das tartarugas xigantes orixinalmente fixeron a viaxe ata as illas onde agora viven desde o continente; por exemplo, as tartarugas xigantes de Aldabra e das Mascareñas están emparentadas coas tartarugas de Madagascar (á súa vez de orixe africana continental) mentres que as tartarugas das Galápagos están relacionadas coas tartarugas do continente suramericano. O fenómeno de excesivo crecemento nas illas que experimentan algunhas especies coñécese como xigantismo das illas ou insular e inicialmente pensábase que estas tartarugas eran un exemplo. Ocorre cando o tamaño do animal que está illado nun arquipélago ou illa incrementa o seu tamaño drasticamente en compración cos seus parentes continentais. Isto débese a varios factores como a relaxación das presións de predación, liberación competitiva ou a unha adaptación ao aumento das flutuacións ambientais nas illas.[1][2] Porén, as tartarugas xigantes xa non se consideran un bo exemplo de xigantismo das illas, xa que o seu tamaño masivo se cre que evolucionou no continente. As tartarugas xigantes eran antes comúns nas faunas do Cenozoico de Eurasia, África e as Américas.[3][4]
Tartaruga xigante | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Tartaruga xigante de Aldabra | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Xéneros xigantes | |||||||||||||
|
Estes animais pertencen a un antigo grupo de réptiles, que apareceron hai uns 250 millóns de anos. No Cretáceo superior, hai 70 ou 80 millóns de anos, algunhas xa se converteran en xigantescas. Por exemplo, Archelon do Cretáceo medía uns 4 m de longo e case 5 de largo dunha punta dunha aleta á outra.[5] Hai 1 millón de anos as tartarugas chegaron ás illas Galápagos. A maioría das especies xigantes recentes empezaron a desaparecer hai uns 100 000 anos. Só hai 250 anos había polo menos 20 especies e subespecies en illas do océano Índico e 14 ou 15 especies nas illas Galápagos.[6]