Paleontoloxía
From Wikipedia, the free encyclopedia
A paleontoloxía[1] (do grego παλαιός "antigo", ὅν, ὄντος "o ser" e λόγος "tratado", é dicir, "tratado dos seres antiquísimos") é a ciencia que trata do estudo dos organismos desaparecidos, a partir dos seus restos fósiles,[2] é dicir, dos restos mineralizados de seres vivos ou vestixios de vida de organismos que existiran durante a historia da vida na Terra. Os científicos que traballan nela denomínanse paleontólogos.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Encádrase dentro das Ciencias naturais, posúe un corpo de doutrina propio e comparte fundamentos e métodos coa Xeoloxía e a Bioloxía, coas que se integra estreitamente.
Entre os seus obxectivos están, ademais da reconstrución dos seres vivos pretéritos, o estudo do seu orixe, dos seus cambios no tempo (evolución e filoxenia), das relacións entre eles e coa súa contorna (paleoecoloxía, evolución da biosfera), da súa distribución espacial e migracións (paleobioxeografía ou fitoxeografía), das extincións, dos procesos de fosilización (tafonomia) ou da correlación e datación das rochas que os conteñen (bioestratigrafía).
A Paleontoloxía permite entender a actual composición (biodiversidade) e distribución dos seres vivos sobre a Terra (bioxeografía) -antes da intervención humana-, achegou probas indispensables para a solución de dúas das máis grandes controversias científicas do pasado século, a evolución dos seres vivos e a deriva dos continentes, e, de cara ao noso futuro, ofrece ferramentas para a análise de como os cambios climáticos poden afectar ao conxunto da biosfera.