Ciencias naturais
estudo da natureza seguindo o método científico / From Wikipedia, the free encyclopedia
As ciencias naturais, ciencias da natureza, ciencias físico-naturais, ciencias experimentais ou mesmo historia natural,[1] son aquelas ciencias que teñen por obxecto o estudo da natureza seguindo o método científico, tamén coñecido como método experimental.[2][3][4]
As ciencias naturais estudan só os aspectos físicos do universo, e non os aspectos humanos do mundo, obxecto das chamadas ciencias sociais ou humanas, diferenciándose polo tanto das humanidades, as artes e doutros tipos de saberes, que implican enfoques epistemolóxicos diferentes.[5][6][7]
As ciencias naturais apóianse no razoamento lóxico e no aparato metodolóxico das denominadas ciencias formais, especialmente das matemáticas, cuxa relación coa realidade da natureza é menos directa (ou mesmo inexistente).
Por outra parte, diferéncianse das ciencias aplicadas, xa que forman parte da ciencia básica, aínda que teñen naquelas os seus desenvolvementos prácticos, polo que están intimamente ligadas, interactuando entre elas e co sistema produtivo nos sistemas denominados investigación e desenvolvemento (I+D) ou investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i, ou I+D+I).