Paleo-Tetis
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Paleo-Tetis, Paleotetis ou océano Paleo-Tetis foi un océano localizado na marxe norte do paleocontinente Gondwana que empezou a abrirse durante o Cámbrico medio, creceu durante o Paleozoico e pechouse finalmente durante o Triásico tardío; existindo durante uns 400 millóns de anos.[2]
O Paleo-Tetis foi o precursor do mar de Tetis (tamén chamado Neo-Tetis ou Neotetis) que estaba situado entre Gondwana e os terreos húnicos (fragmentos continentais que se desprenderon de Gondwana e movéronse cara ao norte). Abriuse conforme o océano Proto-Tetis subducía baio eses terreos e pechouse a medida que os terreos de Cimeria (que tamén se desprenderon de Gondwana en dirección norte) deixaron paso ao mar de Tetis.[3] Un tanto confusamente, o Neo-Tetis defínese ás veces como o océano do sur dunha hipotética dorsal mesooceánica que separaba a Gran India de Asia, e nese caso o océano entre Cimeria e a dorsal hipotética chamouse Meso-Tetis.[4]
Os denominados terreos húnicos divídense en Húnico europeo (hoxe a codia baixo partes de Europa ―chamada Armórica― e Iberia) e Húnico asiático (hoxe a codia de partes do sur de Asia). Unha gran falla transformante separaba os dous terreos.
O papel que desempeñou o Paleo-Tetis no ciclo supercontinental, e especialmente na rotura de Panxea, está aínda sen resolver. Algúns xeólogos argumentan que a apertura do Atlántico Norte desencadeouse pola subdución de Pantalasa baixo as marxes occidentais das Américas, mentres que outros argumentan que o peche do Paleo-Tetis e Tetis tivo como resultado a rotura. No primeiro escenario, unhas plumas do manto causarían a apertura do Atlántico e a rotura da Panxea e o peche do dominio do Tetis foi unha das consecuencias deste proceso; no outro escenario, as forzas lonxitudinais que pecharon o dominio do Tetis transmitiríanse latitudinalmente no que hoxe é a rexión mediterránea, o que tería como resultado a apertura inicial do Atlántico.[5]