Terreo (xeoloxía)
From Wikipedia, the free encyclopedia
En xeoloxía, un terreo (ou terreo tecnoestratrigráfico) é un fragmento de codia terrestre formado nunha placa tectónica (ou fragmentado dela) e acrecionado ("suturado") á codia, quedando unido a outra placa. Por tanto, un terreo fórmase por un proceso tectónico, cando un fragmento de placa litosférica, de natureza continental ou oceánica, se afasta do seu lugar de xénese e únese logo a outro conxunto xeolóxico por acreción. O termo procede do inglés terrane,[1][2] termo que se usa así ás veces[3] e tamén se lle ten chamado na literatura terrano e litosferoclasto. O bloque da codia ou os fragmentos preservan a súa propia historia xeolóxica peculiar, a cal é diferente da das áreas circundantes (de aí os termos terreo "exótico" ou "suposto"). A zona de sutura entre un terreo e a codia á cal está unido é normalmente identificable como unha falla xeolóxica.
Cando os terreos están compostos de repetidos eventos acrecionais, isto é, están compostos de subunidades con historias e estruturas distintas, poden denominarse superterreos (superterranes).[4]