Melatonina
composto químico / From Wikipedia, the free encyclopedia
A melatonina, tamén coñecida quimicamente como N-acetil-5-metoxitriptamina,[2][3] é un composto natural con actividade hormonal que se encontra en animais, plantas, e microorganismos.[4][5] Nos animais os niveis circulantes da hormona melatonina varían nun ciclo diario, o que lle permite influír nos ritmos circadianos de diversas funcións biolóxicas.[6]
Moitos dos efectos biolóxicos da melatonina prodúcense por medio da activación do receptor da melatonina,[7] pero outros débense ao seu papel como antioxidante potente,[8] cunha influencia especial na protección do ADN nuclear e mitocondrial.[9]
Nos mamíferos a melatonina sintetízase por unha ruta de catro pasos encimáticos a partir do aminoácido esencial da dieta triptófano, na que se produce serotonina no segundo paso. A melatonina segrégase ao sangue pola glándula pineal do cerebro. Coñécese como "hormona da escuridade" porque se segrega durante a escuridade tanto en animais activos de día coma en animais nocturnos.[10] Ademais de na glándula pineal, tamén a producen varios tipos de células periféricas, como as células da medula ósea,[11][12] linfocitos, e células epiteliais. Xeralmente a concentración de melatonina nestas células é moito maior ca a sanguínea, pero non parece que isto estea regulado polo fotoperíodo.
Aínda que as investigacións realizadas mostraron que cando os polos inxiren plantas ricas en melatonina, como o arroz, a melatonina únese aos receptores de melatonina dos seus cerebros,[13] non se atopou que un determinado tipo de alimentos eleve os niveis sanguíneos de melatonina nos humanos.[14] Nalgúns países, poden venderse sen receita produtos que conteñen melatonina (por exemplo, EEUU), pero noutros é necesaria a prescrición médica.[15]