Mapa de Piri Reis
carta náutica de 1513 / From Wikipedia, the free encyclopedia
O mapa de Piri Reis é un fragmento dun mapa elaborado polo almirante e cartógrafo otomán Piri Reis en 1513. Piri Reis naceu en Galípoli por 1470 (non sabe a data certa) sendo sobriño dun célebre corsario, Kemal Re'is, que acompañou desde moi novo na súas correrías mariñas, participando nas campañas navais contra Venecia e na conquista da illa de Rodas en 1523. Dous anos antes destes feitos publicara o Libro das Materias Mariñas, cunha exhaustiva información que facía referencia exclusivamente ao Mediterráneo. Unha nova versión ampliada, dedicada ao sultán Suleiman, concluíu en 1526, cunha dedicatoria en verso na que contaba a historia de
un astrónomo que se chamaba Kolón..., que saíu en busca de Antyle... e descubriuna. Hoxe a ruta é moi coñecida e o seu mapa chegou a nós.[1]
Nela referíase tamén ao mapa que el mesmo debuxara anos atrás e co que obsequiara a Selim I no Cairo. Nas marxes detalla as súas fontes: un mapa de Cristovo Colón, encontrado nun barco español apresado en 1501, e catro mapas portugueses máis recentes. Ademais contou cos informes dun mariño que participara nas primeiras viaxes colombinas, posteriormente capturado polo seu tío, feito escravo.[2]
Por conter aparentes representacións de terras entón descoñecidas e a raíz dos propios escritos de Reis indicando que outras das súas fontes foran "os antigos reis do mar", suscitou grande interese como «enigma». É, por outro lado, a mellor testemuña dos mapas que debuxou Colón das terras por el descubertas, dos que tan só se conservou un pequeno esbozo do norte da Española. O orixinal consérvase no Museo Topkapi Sarayi de Istambul onde se localizou en 1929, aínda que non adoita estar exposto ao público.