Fauna de Ediacara
From Wikipedia, the free encyclopedia
A fauna de Ediacara[3], tamén coñecida como organismos ediacáricos, biota de Ediacara, biota ediacariana, biota do período ediacárico ou, anteriormente, biota ou fauna vendiense ou vendiana, está formada por antigas formas de vida sésiles con formas tubulares ou foliáceas que habitaron a Terra durante o período ediacárico (hai uns 635-542 millóns de anos) e que representan os organismos pluricelulares complexos máis antigos coñecidos.[4]
discos
Apareceron pouco despois de que a Terra se desxeara despois da extensa e última glaciación do período crioxénico, e desapareceron en gran parte pouco antes da rápida aparición de biodiversidade coñecida como explosión cámbrica, que consistiu na primeira aparición no rexistro fósil dos patróns e morfoloxías básicas que máis adiante formarían a base dos animais modernos.
A estes patróns incorporaríanse poucos elementos propios da diversidade dos organismos ediacáricos, xa que os posteriores organismos do Cámbrico desprazaron e substituíron totalmente as formas de vida que dominaran o rexistro fósil de Ediacara.
Os organismos ediacáricos apareceron por primeira vez hai uns 580 millóns de anos, e prosperaron até o inicio do Cámbrico, hai 542 millóns de anos. Aínda que se descubriron en estratos correspondentes ao Cámbrico medio (hai uns 510-500 millóns de anos) algúns raros fósiles que poderían representar superviventes, as comunidades de fósiles máis primitivas desapareceron do rexistro fósil ao final do período ediacárico, deixando unicamente curiosos fragmentos dos ecosistemas que anteriormente prosperaran.[5] Existen diversas hipóteses para explicar esta desaparición, entre elas unha mostraxe polarizada, un ambiente cambiante, a aparición de depredadores ou a competencia con outras formas de vida.
A posición filoxenética destes organismos constitúe un gran problema para os paleontólogos. Mentres que moitos deles parecen corresponder a formas de vida sen representantes na fauna actual, algúns organismos ediacáricos parece ser que estaban estreitamente relacionados con grupos que máis adiante se converterían en prominentes; por exemplo, a morfoloxía dalgúns taxons como Funisia dorothea suxiren a súa relación cos poríferos ou cos cnidarios,[6] mentres que Kimberella amosa parecido cos moluscos, e mesmo algúns propuxérona como un antepasado destes, o que levou a pensar que algúns organismos xa presentaban simetría bilateral, aínda que esta afirmación é controvertida. A maioría dos fósiles macroscópicos son morfoloxicamente distintos ás formas de vida posteriores: aseméllanse a discos, bolsas cheas de lama ou colchóns esponxosos.
Debido ás dificultades para situar estes organismos na árbore filoxenética, algúns paleontólogos suxeriron ao comezo que polo menos parte da biota edicárica representaría unha rama independente completamente extinta dentro dun reino propio, denominado Vendozoa, reclasificado no 1992 como Vendobionta.[7] Outros mesmo consideran que estes organismos formarían parte dunha especie de experimento fracasado da vida pluricelular, que supuxo que a vida pluricelular posterior volvera evolucionar máis adiante a partir de organismos unicelulares non relacionados.[8]