Árbore filoxenética
diagrama que mostra as relacións evolutivas inferidas entre varias especies / From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha árbore filoxenética (xeralmente sinónimo de árbore evolutiva) é un diagrama ramificado ou "árbore" que mostra as relacións evolutivas inferidas entre varias especies biolóxicas ou outros grupos, é dicir a súa filoxenia, baseándose nas semellanzas e diferenzas nas súas características físicas ou xenéticas. Os taxons que quedan unidos na árbore considérase que descenden dun antepasado común.
Nunha árbore filoxenética enraizada, cada nodo con descendentes representa o antepasado común máis recente inferido dos descendentes, e nalgunhas árbores a lonxitude das liñas pode interpretarse como unha estimación do tempo. Cada nodo denomínase unidade taxonómica. Os nodos internos denomínanse xeralmente unidades taxonómicas hipotéticas, xa que non poden ser observadas directamente. As árbores son útiles en campos da bioloxía como a bioinformática, a sistemática, e a filoxenética comparativa.