Antepasado común máis recente
From Wikipedia, the free encyclopedia
En bioloxía, o antepasado común máis recente (ACMR ou, en inglés, MRCA) de calquera conxunto de organismos é o individuo máis recente a partir docal todos os organismos dese grupo, por exemplo un haplogrupo, descenden directamente. O termo aplícase a miúdo en xenealoxía humana.
de tipo humano
O ACMR dun conxunto de individuos pode ás veces determinarse por medio dun pedigree establecido. Porén, en xeral, é imposible identificar o ACMR exacto dun gran conxunto de individuos, pero xeralmente pode obterse unha estimación do tempo no que viviu o ACMR. A estimación de dito tempo ao ACMR (TACMR ou, en inglés, TMRCA) pode obterse baseándose en resultados de probas de ADN e taxas de mutación establecidas, como se realiza en xenealoxía xenética, ou con referencia a un modelo matemático non xenético ou simulación por computadora. O TACMR dáse normalmente en anos antes do actual. Unha determinada mutación pode considerarse que se formou nun momento do tempo entre o TACMR da rama anterior na árbore filoxenética, e o TAMCR da propia mutación.
Considerando que non quedan poboacións humanas xeneticamene illadas, o ACMR humano puido ter vivido hai entre 2.000 e 4.000 anos.[1] Esta estimación está baseada nun modelo matemático non xenético que asume que hai apareamento aleatorio, aínda que se tiveron en conta importantes aspectos da subestrutura da poboación humana como o apareamento selectivo e as restricións xeográficas históricas sobre os cruzamentos entre grupos.[1]
O termo ACMR úsase normalmente para describir un antepasado común duns individuos dentro dunha especie. Pode tamén usarse para describir un antepasado común dunhas determinadas especies. Para evitar confusión, úsase ás veces o termo último antepasado común (UAC ou, en inglés, LCA) ou o termo equivalente concestor en lugar de ACMR cando se discute o antepasado común de varias especies.
O termo ACMR pode tamén usarse para identificar un antepasado común entre un conxunto de organismos por medio de vías xenéticas específicas. O ACMR no caso de vías xenéticas será diferente dependendo do restritiva que sexa a elección de xenes. Elixindo un xene moi restritivo como os do ADNmt, que se herda só por vía materna pode chegarse á Eva mitocondrial, ou elixindo o cromosoma Y, herdado por liña paterna, chégase ao Adán cromosómico Y, que son exemplos de ACMRs, que dan TACMRs estimados qo son en varias ordes de magnitude máis antigos que o TACMR se se permite calquera liña posible de descendencia (menos restrición). Tales xenealoxías en realidade trazan os antepasados de xenes concretos, non de organismos. Como resultado, as estimacións de TACMR para os ACMRs xenéticos son necesariamente maiores que para os ACMRs dos organismos.