Antepasado común
ser vivo ou especie do cal descenden dúas ou máis especies / From Wikipedia, the free encyclopedia
O antepasado común ou ascendente común é o ser vivo ou especie do cal descenden dúas ou máis especies. Dentro dunha especie, é o ser vivo do cal descenden dous ou máis individuos de diferentes liñas familiares. O concepto de ascendencia común ou orixe común describe en bioloxía evolutiva como un grupo de organismos teñen un antepasado común máis recente. Hai evidencias de que todos os seres vivos da Terra descenden dun último antepasado universal.[1][2]
A ascendencia común entre organismos de diferentes especies orixínase durante a especiación, na cal se establecen novas especies a partir dunha soa poboación ancestral. Os organismos que comparten un antepasado común máis recente están máis estreitamente emparentados. O antepasado común máis recente de todos os organismos vivos actuais é o último antepasado universal,[1] o cal viviu hai uns 3.900 millóns de anos.[3][4] As dúas evidencias máis antigas da existencia de vida na Terra son o grafito bioxénico atopado en rochas metasedimentarias de hai 3.700 millóns de anos de Groenlandia[5] e os tapetes microbianos fósiles de 3.480 millóns de anos atopados en arenitos de Australia Occidental.[6][7] Todos os organismos actuais da Terra comparten unha mesma herdanza xenética (teñen un antepasado común universal), polo que son os descendentes dunha soa especie orixinal, aínda que a posibilidade dunha substancial transferencia horizontal de xenes na época da evolución inicial formulou cuestións sobre a monofilia da vida.[1]
A existencia dun antepasado común universal a través dun proceso evolutivo foi proposta primeiramene por Charles Darwin en On the Origin of Species (1859), onde escribiu: "Hai grandeza nesta concepción da vida, coas súas varias facultades, que foron orixinalmente alentadas nunhas poucas formas ou nunha; e que, mentres este planeta foi orbitando segundo as leis fixas da gravitación, a partir dun comezo tan sinxelo evolucionaron e evolucionan infinitas formas cada cal máis bonita e marabillosa.[8]