Estados Unidos de América
país de América do Norte / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os Estados Unidos de América (abreviado EUA[1] e EEUU[2][3]; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) constitúen un país soberano configurado como Estado federal constitucional[4][5] composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico. O país tamén posúe cinco territorios poboados e nove non poboados no Pacífico e no Caribe. Con 9,85 millóns de km2[6] e 318 millóns de persoas, os Estados Unidos son o terceiro ou cuarto meirande país por área total e o terceiro país por poboación. É un dos países máis multiculturais e diversos etnicamente do mundo, debido á inmigración de moitos países.[7] A xeografía e o clima son moi diversos, e o país é tamén o fogar dunha variada vida salvaxe.
Os paleoindios migraron dende Eurasia ata os actuais Estados Unidos hai 15 000 anos,[8] e a colonización europea comezou no século XVI. Os Estados Unidos xurdiron das Trece Colonias Británicas localizadas na Costa Atlántica. As disputas entre o Reino de Gran Bretaña e as colonias levaron á Revolución Americana. O 4 de xullo de 1776, mentres as colonias estaban a loitar contra Gran Bretaña na guerra de independencia, os delegados das 13 colonias asinaron a Declaración de Independencia. A guerra rematou en 1783 co recoñecemento da independencia dos Estados Unidos dende o Reino de Gran Bretaña, e foi a primeira guerra de independencia con éxito contra un imperio colonial europeo.[9][10] A actual Constitución foi adoptada o 17 de setembro de 1787. As primeiras dez emendas, chamadas colectivamente Declaración de Dereitos, foron ratificadas en 1791 e deseñadas para garantir os dereitos e liberdades civís fundamentais.
De acordo coa doutrina do destino manifesto, os Estados Unidos embarcáronse nunha grande expansión en Norteamérica ó longo do século XIX.[11] Isto supuxo o desprazamento das tribos nativas, adquisicións de novos territorios e a admisión gradual de novos estados.[11] Durante a segunda metade do século XIX, a guerra civil estadounidense acabou coa escravitude legal no país.[12] No final dese século, os Estados Unidos estendéronse ata o océano Pacífico,[13] e a súa economía comezou a evolucionar.[14] A guerra hispano-estadounidense e a primeira guerra mundial confirmaron o status do país como potencia militar. Os Estados Unidos emerxeron da segunda guerra mundial como superpotencia mundial ó ser o primeiro país en desenvolver armas nucleares, o único en usalas en guerra, e como membro permanente do Consello de Seguridade das Nacións Unidas. A fin da guerra fría e a disolución da Unión Soviética permitiron que os Estados Unidos ficasen como a única superpotencia.[15]
Os Estados Unidos son un país desenvolvido e a meirande economía do mundo.[16] A economía aliméntase da abundancia de recursos naturais e a produtividade da man de obra.[17] Mentres a economía estadounidense está considerada como post-industrial, continúa a ser un dos manufactureiros máis importantes do mundo.[18] O 37% dos orzamentos do país corresponden a gasto militar,[19] sendo a primeira potencia económica e militar, unha gran forza cultural e política, e o líder en investigación científica e innovación tecnolóxica.[20]