Batalla de Muret
From Wikipedia, the free encyclopedia
A batalla de Muret consistiu na escaramuza decisiva da chamada cruzada albixense. Tivo lugar o 13 de setembro de 1213 nunha chaira da localidade occitana de Muret, uns doce quilómetros ao sur de Tolosa de Linguadoc.[1] A contenda enfrontou a Pedro II de Aragón, os seus vasalos e os seus aliados, entre os que se encontraban Raimundo VI de Tolosa, Bernardo V de Cominges e Raimundo Roxerio I de Foix, contra as tropas cruzadas e as de Filipe II de Francia lideradas por Simón IV de Montfort.[2]
O triunfo correspondeulle ás forzas de Simón de Montfort, o cal se converteu, como consecuencia da súa vitoria, en duque de Narbona, conde de Tolosa, vizconde de Béziers, vizconde de Carcasona. As tropas aragonesas e occitanas sufriron unhas perdas de 15 000 a 20 000 homes. Pedro II de Aragón, coñecido como Pedro o Católico, faleceu na batalla. Seu fillo, de cinco anos, o futuro rei Xaime I de Aragón, que estaba baixo custodia de Simón de Montfort, que cunha filla súa se concertara matrimonio nun intento para resolver o conflito,[3] debeu ficar un ano como refén, até que, por orde do papa Inocencio III, Montfort entregouno aos templarios.
Marcou o inicio da dominación dos reis franceses sobre Occitania. Foi tamén o comezo da fin da expansión aragonesa na zona. Antes da batalla, Pedro II de Aragón conseguira o dominio do condado de Tolosa, do de Foix e do de Cominges. Trala súa derrota e morte, seu fillo e herdeiro Xaime I tan só conservou o señorío de Montpellier por herdanza de súa nai, María de Montpellier. A partir deste feito, a expansión aragonesa encamiñouse cara Valencia e as Illas Baleares.