Xiísmo
rama do islam / From Wikipedia, the free encyclopedia
O xiísmo (árabe: شيعة, Shīʻah), é a segunda meirande rama do islam, logo do sunnismo. É o nome tradicional polo que se coñece á escola de xurisprudencia Islámica Xa'farita. Os seguidores do xiísmo chámanse xiítas. "Shīʻah" é a abreviatura da frase histórica Shīʻatu ʻAlī (árabe: شيعة علي), que significa "seguidores de Alí", "facción de Alí" ou "partido de Alí".[1][2]
Este artigo amosa letras árabes. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
A semellanza doutras escolas de pensamento no islam, o xiísmo baséase nas ensinanzas do libro sagrado do islam, o Corán e a mensaxe do último profeta do islam,[3] Mahoma.[4] Ao contrario que outras escolas de pensamento, o xiísmo mantén que a familia de Mahoma, a Ahl al-Bayt ("a Xente da Casa"), e certos individuos entre os seus descendentes, coñecidos coma imáns, teñen unha autoridade espiritual e política sobre a comunidade.[3][5] Os xiítas cren que Alí, o curmán de Mahoma e xenro, foi o primeiro deste imáns e foi o sucesor lexítimo de Mahoma[6] rexeitando así a lexitimidade dos tres primeiros califas.[6][7]
Os xiítas recoñecen a Alí coma a segunda figura máis importante logo do profeta Mahoma. Segundo eles, Mahoma suxeriu en varias ocasións durante a súa vida que Alí debería ser o líder dos musulmáns logo do seu pasamento. De acordo con esta perspectiva, Alí coma sucesor de Mahoma non só gobernaría sobre a comunidade, senón que tamén interpretaría a xaria e o significado esotérico do Corán. Polo tanto considerouse coma libre de erro e pecado (infalible) e designado por Deus por orde divina (Nass) para ser o primeiro imán.[8] Alí é coñecido coma o "home perfecto" (al-insan al-kamil) semellante a Mahoma segundo a perspectiva xií.[9] Como resultado, os xiítas empregan hadiths atribuídos a Mahoma e aos imáns, e dan credibilidade á familia do Profeta e aos socios achegados, en contraste coas tradicións sunnitas nas que a sunnah é narrada en boa parte por compañeiros.[10][11] Posteriormente, as diferenzas dos hadiths entre os xiítas e os sunnitas son unha das principais razóns das friccións entre eles, xa que os sunnitas non aceptan os hadiths xiítas e viceversa.[12]
O xiísmo é profesado por cerca do 15% dos 1600 millóns de musulmáns existentes no mundo.[13]