Transportador de monoaminas
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os transportadores de monoaminas (MATs) son proteínas que funcionan como transportadores integrais da membrana plasmática regulando as concentracións de neurotransmisores monoamina extracelulares. Hai tres grandes clases de transportadores de monoaminas (SERT, DAT, NET) que son responsables da recaptación dos seu neurotransmisores aminas asociados (serotonina, dopamina, norepinefrina). Os transportadores de monoaminas están localizados xusto fóra da fenda sináptica (peri-sinapticamente), transportando o exceso de transmisor monoamina desde a fenda sináptica de volta ao citoplasma da neurona presináptica.[1] A regulación destes transportadores acontece xeralmente por fosforilación e modificación postraducional.[2] Debido á súa importancia na sinlización neuronal, os transportadores de monoaminas están normalmente asociados cos fármacos usados para o tratamento de trastornos mentais así como con drogas recreativas. Os compostos que teñen como diana os transportadores de monoaminas van desde medicamentos como unha ampla variedade de antidepresores tricíclicos, inhibidores da recaptación de serotonina selectivos como a fluoxetina (Prozac) ata medicamentos estimulantes como o metilfenidato (Ritalin) e a anfetamina nas súas moitas formas (Adderall, Dexedrine) e derivados metanfetamina (Desoxyn) e lisdexamfetamina (Vyvanse). Ademais, drogas como a MDMA[3] ("éxtase") e alcaloides naturais como a cocaína exercen os seus efectos en parte polas súas interaccións cos transportadores de monoaminas, ao bloquearen a limpeza que fan os transportadores da dopamina, serotonina, e outros neurotransmisores na sinapse.[1]