Dopamina
composto químico / From Wikipedia, the free encyclopedia
A dopamina [1][2][3] (C6H3(OH)2-CH2-CH2-NH2) é un neurotransmisor e unha hormona producida en moitas especies animais tanto vertebrados coma invertebrados incluídos os humanos. Segundo a súa estrutura química, a dopamina é unha catecolamina do grupo das feniletilaminas.
No sistema nervioso, a dopamina cumpre funcións de neurotransmisor, activando os cinco tipos de receptores de dopamina: D1 (relacionado cun efecto activador), D2 (relacionado cun efecto inhibidor), D3, D4 e D5, e as súas variantes. A dopamina prodúcese en moitas partes do sistema nervioso, especialmente na substancia negra. A dopamina é tamén unha neurohormona liberada polo hipotálamo. A súa función principal alí é inhibir a liberación de prolactina no lóbulo anterior da hipófise (adenohipófise).
Como fármaco, actúa como simpaticomimético (emulando a acción do sistema nervioso simpático) promovendo o incremento da frecuencia cardíaca e a presión arterial, e pode producir efectos deleterios como taquicardia ou hipertensión arterial. Porén, debido a que a dopamina non pode atravesar a barreira hematoencefálica, a súa administración como fármaco non afecta directamente ao sistema nervioso central.
A diminución na cantidade de dopamina no cerebro en pacientes con enfermidades como a enfermidade de Parkinson e a distonía en resposta á dopa, L-dopa (Levodopa), que é o precursor da dopamina, pode deberse a que esta última cruza a barreira hematoencefálica. Na enfermidade de Parkinson a destrución das neuronas dopaminérxicas da substancia negra que proxectan cara aos ganglios basais comporta danos tisulares que terminan producindo a perda do control dos movementos a cargo do sistema nervioso.