Terzo
unidade militar de infantería do imperio hispánico de 1534 a 1704 / From Wikipedia, the free encyclopedia
Un terzo era unha unidade militar do Exército español durante a época da Casa de Austria. Os terzos foron famosos pola súa resistencia no campo de batalla, formando a elite das unidades militares dispoñíbeis para os reis de España da época. Os terzos foron a peza esencial da hexemonía terrestre, e en ocasións tamén marítima do Imperio español. O terzo é considerado o renacemento da infantaría no campo de batalla e adoita ser comparado coas lexións romanas ou as falanxes de piqueiros macedónicas.[1]
Terzo español | |
---|---|
A rendición de Breda, de Velázquez. Ambrosio Spínola (dereita), comandante dos terzos españois, recibindo as chaves da cidade. | |
Activa | 1534-1704 (Disolución) |
Fidelidade | Imperio español |
Papel | Seguridade, control e defensa da Monarquía hispánica. |
Os Terzos españois foron o primeiro exército moderno europeo, entendendo como tal un exército formado por voluntarios profesionais, en lugar das levas para unha campaña e a contratación de mercenarios usadas tipicamente noutros países europeos. O coidado que se poñía en manter nas unidades un alto número de "vellos soldados" (veteranos) e a súa formación profesional, xunto á particular personalidade que lle imprimiron os orgullosos fidalgos da baixa nobreza que os nutrían, é a base de que foran a mellor infantaría durante século e medio. Ademais, foron os primeiros en mesturar de forma eficiente as picas e as armas de fogo.
A partir de 1920 tamén reciben ese nome as formacións de tamaño rexemental da Lexión española, unidade profesional creada para combater nas guerras coloniais do norte de África, e que inspirábase nas xestas militares dos terzos históricos. A Lexión española tamén garda certos parecidos coa Lexión estranxeira do exército francés.