Stavkirke
From Wikipedia, the free encyclopedia
Stavkirke é unha palabra norueguesa[1][2] coa que se denomina un tipo particular de templos cristiáns medievais construídos de madeira, anteriormente comúns na Europa do Norte pero no presente confinados case exclusivamente a Noruega. As máis antigas teñen idades superiores aos 800 anos.
A súa característica particular é a súa técnica de construción, a stavverk, que consiste nun armazón de madeira formado de stav —grosos postes circulares que lle dan nome ás igrexas— sostidos por espigas a un marco cadrado de soleiras de madeira, que á súa vez se atopa asentado sobre alicerces pétreos, protexendo a madeira da humidade. A técnica relaciona as stavkirke co entramado de madeira, e confírelles, ademais, resistencia ás condicións climáticas, estabilidade e rixidez. A stavverk é descendente das desaparecidas igrexas de postes, construcións de técnica máis simple, aínda que nalgúns casos son bastante similares ás propias stavkirke.
A planta das stavkirke máis simples divídese nunha nave e nun coro, mentres as máis evolucionadas aseméllanse ás basílicas románicas, co teito en chanzos e piares no interior da nave. Esa similitude, ademais da decoración escultórica e pictórica, fixo supoñer que as stavkirke teñen as súas orixes na arte románica, mais esta teoría non é compartida por varios expertos.
Á altura do século XXI, fican en pé 28 stavkirke medievais en Noruega, unha en Suecia e unha máis en Polonia (esta última de orixe norueguesa). Entre as máis coñecidas figuran a igrexa de Borgund, de espectacular deseño e a mellor representante do xénero, e a Igrexa de Urnes, probablemente a máis antiga e un exemplo sobresaínte da arte decorativa nórdica, declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco.