Sinapomorfía
From Wikipedia, the free encyclopedia
En cladística, unha sinapomorfía (ou sinapomorfia) ou estado de carácter sinapomórfico é un trazo ou característica compartida ("sinmorfía") por dous ou máis taxons, que se pode inferir que estaba xa presente no seu antepasado común máis recente, cuxos antepasados á súa vez non tiñan ese trazo.[2] Deste modo, unha sinapomorfía é unha apomorfía que se pode observar en moitos taxons, e que se supón que se orixinou no seu último antepasado común. A palabra "sinapomorfía," acuñada polo entomólogo alemán Willi Hennig, deriva do grego σύν, syn, 'con', e de ἀπό, apo, 'na distancia', e μορφή, morphe, 'forma'.
As sinapomorfías "verdadeiras" só caracterizan un determinado conxunto de grupos terminais, pero non é estritamente necesario que todos os membros dun clado posúan o mesmo trazo, xa que poden tamén presentar unha versión dese trazo que foi modificada posteriormente.
As sinapomorfías son o fundamento para a clasificación filoxenética (baseada no parentesco) dos seres vivos. Grazas a elas defínense grupos holofiléticos (monofiléticos no sentido de Willi Hennig). Os caracteres cos que se describen grupos parafiléticos, definidos pola exclusión dun grupo holofilético doutro maior, son simplesiomorfías. Só as sinapomorfías, e non as simplesiomorfías, son argumentos válidos en favor da monofilia (holofilia) do grupo de taxons que a comparten.