Parafilético
From Wikipedia, the free encyclopedia
En filoxenia (e tamén en lingüística) un grupo é parafilético cando inclúe o antepasado común dos seus membros, pero non a todos os descendentes deste. Esta situación denomínase parafilia (do grego παρά pará, "ao lado", "os que están ao lado", "cerca de", e φυλή phylé, "tribo", "grupo de individuos"). Un grupo parafilético fórmase cando a un clado (póla evolutiva) se lle subtraen un ou máis grupos holofiléticos.[1]
As clasificacións tradicionais están cargadas de grupos parafiléticos, como criptógamas, invertebrados ou pónxidos. En cada un destes casos o grupo defínese pola exclusión dun grupo menor dentro doutro maior: as criptógamas son as plantas excluíndo as fanerógamas; os invertebrados, os animais se quitamos os vertebrados; os pónxidos son os antropoides cando quitamos os homínidos. Así, cada grupo aparece definido negativamente, por características que lle faltan, en vez de maneira positiva, polas características que comparten os seus membros.
A lexitimidade do uso de grupos parafiléticos na clasificación é moi discutida. Os que o defenden fano só para aqueles casos en que resulta un grupo de características ben definidas. Os que se opoñen alegan que só os grupos holofiléticos son lexítimos nunha clasificación evolutiva.
Baixo un certo concepto os grupos parafiléticos son chamados monofiléticos (grupos convexos, grupo de especies e o seu antepasado común, pero non todos os descendentes dese antepasado), igual que os holofiléticos (grupo que contén o antepasado común, todos os organismos que descenden del, e ningún outro organismo máis).