Simboloxía do franquismo
From Wikipedia, the free encyclopedia
A simboloxía do franquismo é o conxunto de símbolos que se utilizaron como referente icónico para identificar visualmente o réxime franquista e as persoas e institucións que se identificaban con el, e marcar a apropiación simbólica de lugares emblemáticos, moitos deles utilizados como espazos da memoria. Utilizouse masivamente, seguindo as técnicas modernas de propaganda para conseguir unha presenza abafadora en todos os ámbitos públicos e privados: bandeiras, escudos, efixies, monumentos, selos, medallas, insignias, uniformes e distintivos de todas as clases. Incluso os asentos dos transportes públicos eran obxecto de apropiación simbólica para perpetuar o recordo da Gloriosa Cruzada: un cartel que indicaba Reservado para caballeros mutilados ("Reservado para cabaleiros mutilados").[1][2]
A ausencia de lexitimidade democrática do réxime de Francisco Franco impulsou a procura de lexitimidades alternativas de corte carismático, en consonancia co fascismo italiano ou o nazismo alemán. A ausencia de crítica interna, coa prohibición da oposición e coa xestión por parte de Franco dos contrapesos entre as distintas familias do réxime, produciu desde moi cedo un verdadeiro culto á personalidade do Caudillo.[3]
O aparato simbólico do franquismo orixinouse durante a guerra civil (1936-1939), tras a súa "exaltación" á xefatura do Estado, adoptando en boa medida a desenvolvida nos anos anteriores pola Falange Española de las JONS, á que se sumou a dos tradicionalistas ou carlistas, e a propia do Exército, sobre todo dalgúns corpos particularmente vinculados a Franco, como a Lexión. De feito, o partido único creado pola fusión de falanxistas e tradicionalistas, a Falange Española Tradicionalista y de las Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista (FET y de las JONS), máis coñecida como Movemento Nacional, foi dotado cun uniforme que sumaba á camisa azul falanxista, a boina vermella carlista e as correaxes militares (que xa se utilizaban con anterioridade, marcando o carácter paramilitar da Falanxe) e que tamén incluía unha gravata negra como loito por José Antonio.[4] Este uniforme continuou utilizándose durante todo o período da ditadura de Franco.[5]
A pesar da retirada dalgúns destes símbolos nos primeiros anos da Transición, como os grandes emblemas de xugo e frechas da emblemática Casa Sindical (torre de ladrillos construída en estilo racionalista fronte ao Museo do Prado) e da sede central do Movemento na rúa de Alcalá de Madrid[6], ou a recuperación ou cambio do nome de rúas (por exemplo, en Madrid a avenida de José Antonio converteuse na Gran Vía e a avenida do Xeneralísimo no Paseo de la Castellana), moitos dos símbolos permaneceron, e en parte, a simboloxía franquista segue presente hoxe en día.[7] A Lei da memoria histórica, aprobada polo Congreso dos Deputados o 31 de outubro de 2007, estableceu a retirada destes símbolos, obrigando a facelo ás institucións públicas, e privando de axudas públicas ás institucións privadas que non as retiren. Foi obxecto de particular redacción o referente aos símbolos que poidan afectar á Igrexa católica, introducíndose unha salvagarda por razóns relixiosas, xunto á que exceptúa os monumentos con valor artístico.[8]