Símbolo
representación perceptible dunha idea / From Wikipedia, the free encyclopedia
O termo símbolo, con orixe no grego súmbolon, designa un elemento representativo (realidade visíbel) que está no canto de algo (realidade invisíbel) que tanto pode ser un obxecto coma un concepto ou idea, determinada cantidade ou calidade. O "símbolo" é un elemento esencial no proceso de comunicación, encontrándose difundido no día a día e nas máis variadas vertentes do saber humano. Así a todo, existen símbolos que son recoñecidos internacionalmente, outros só son comprendidos dentro dun determinado grupo ou contexto (relixioso, cultural etc.).
A representación específica para cada símbolo pode xurdir como resultado dun proceso natural ou pode ser unha convención de modo en que o receptor (unha persoa ou grupo específico de persoas) consiga facer a interpretación do seu significado implícito e atribuírlle determinada conotación.
Pode tamén estar máis ou menos relacionada fisicamente co obxecto ou idea que representa, podendo non só ter representación gráfica ou tridimensional senón taménm sonora ou mesmo xestual.
A semiótica é a disciplina que se ocupa do estudo dos símbolos, do seu proceso e sistema en xeral. Outras disciplinas especifican metodoloxías de estudo, como a semántica, que atende ó simbolismo na linguaxe, ou sexa, as palabras, ou a psicanálise, que, entre outros aspectos, se centra na interpretación do simbolismo nos soños.