SARSr-CoV
From Wikipedia, the free encyclopedia
O SARSr-CoV (do inglés Severe acute respiratory syndrome-related coronavirus ou coronavirus relacionado coa síndrome respiratoria aguda grave[nota 1] é unha especie de coronavirus que infecta os humanos, morcegos e algúns outros mamíferos.[2][3] É un virus con envoltura de ARN monocatenario de sentido positivo, que entra nas células hóspede uníndose ao receptor da superficie celular ACE2.[4] É un membro do xénero Betacoronavirus e do subxénero Sarbecoronavirus.[5][6]
- Este artigo trata dunha especie de coronavirus que comprende múltiples cepas. Para a cepa que causa a SARS, ver SARS-CoV. Para a cepa que causa a COVID-19, ver SARS-CoV-2.
Coronavirus relacionado coa SARS[1] | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Micrografía electrónica de transmisión de virións de SARSr-CoV saíndo dunha célula hóspede cultivada en laboratorio. | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Cepas | |||||||||||||||
SARS-CoV
|
Esta especie viral ten varias cepas. Dúas cepas deste virus causaron importantes gromos de enfermidades respiratorias graves en humanos: o SARS-CoV (ou SARS-CoV-1), que causou o gromo de 2002-2004 de síndrome respiratoria aguda grave (SARS), e o SARS-CoV-2, causante da pandemia por coronavirus de 2019–2021 da COVID-19.[7][8] Existen centos de cepas máis do SARSr-CoV, ningunha das cales infecta os humanos, senón outros mamíferos. Os morcegos son o seu principal reservorio, e varias cepas foron identificadas nas civetas Paradoxurus; ditas cepas probablemente son as antepasadas da cepa SARS-CoV.[7][9]
O coronavirus relacionado coa SARS foi un dos varios virus identificados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) en 2016 como unha causa probable dunha epidemia futura nun novo plan desenvolvido despois da epidemia do virus Ébola para que se fixese unha investigación urxente e desenvolvementos sobre el antes e durante unha posible epidemia para conseguir tests de diagnóstico, vacinas e medicinas. A predición fíxose realidade co desencadeamento da pandemia por coronavirus de 2019–2021, que estendeu a COVID-19 por todo o mundo.[10][11]