Pigmento biolóxico
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os pigmentos biolóxicos ou biocromos[1] son substancias producidas por organismos vivos que teñen unha cor que se orixina por unha absorción de cor selectiva, é dicir, o pigmento cambia a cor da luz que reflicte como resultado da absorción selectiva de certas lonxitudes de onda da luz. Entre os pigmentos biolóxicos están os pigmentos de plantas e pigmentos de flores, e os de moitas estruturas biolóxicas de animais, como a pel, ollos, pelaxe e pelos, que conteñen pigmentos como a melanina en células especializadas chamadas cromatóforos, e outras como as plumas. Algúns pigmentos teñen outra función nos organismos distinta da produción de cor, pero a cor que producen é unha propiedade moi característica deles, como ocorre coa hemoglobina do sangue (que contén un grupo hemo con ferro que dá cor), cuxa misión esencial é transportar oxíxeno, pero que lle dá cor vermella ao sangue, ou a clorofila das plantas, que absorbe luz para a fotosíntese, pero que lle dá cor verde ás plantas.
- Ver tamén pigmento.
A cor producida polo pigmento difire das chamadas cores estruturais en que é a mesma vista desde calquera ángulo, mentres que a cor estrutural é o resultado dunha reflexión selectiva ou iridescencia, xeralmente debida á reflexión nalgunha estrutura multicapa, e cambia co ángulo de visión. Por exemplo, as ás de moitas bolboretas presentan cor estrutural, aínda que as bolboretas teñen tamén células que conteñen pigmento. A cor azul ou verde dos ollos humanos é tamén unha cor estrutural, xa que os ollos non conteñen un pigmento desa cor (as cores de ollos escuras débense principalmente á melanina).