Montmorillonita
From Wikipedia, the free encyclopedia
A montmorillonita é un grupo de minerais filosilicatos moi brandos, que se forman cando precipitan de solucións acuosas como cristais microscópicos, que son un tipo de minerais das arxilas. Denomínase pola localidade de Montmorillon, Francia. A montmorillonita forma parte do grupo da esmectita, polo que é unha arxila 2:1, o que significa que a súa estrutura ten dúas láminas tetraédricas de silicato en medio das cales hai unha lámina central octaédrica de alúmina. As partículas teñen forma de placas cun diámetro medio de 1 μm e un grosor de 0,96 nm; cómpre utilizar un aumento de 25 000 × con microscopio electrónico para poder "ver" as partículas de arxila individuais. Entre os membros deste grupo de minerais está tamén a saponita.
Montmorillonita | |
---|---|
Mostra de montmorillonita | |
Fórmula química | (Na,Ca)0.33(Al,Mg)2(Si4O10)(OH)2·nH2O |
Clase | Silicatos[1][2][3][4] |
Subclase | Filosilicatos Grupo da esmectita |
Sistema cristalino | Monoclínico |
Cor | Branca, rosa clara, azul, amarela, vermella, verde |
Brillo | Apagado, terroso |
Dureza | 1-2 |
Fractura | Irregular |
A montmorillonita é unha subclase de esmectita, un mineral filosilicato 2:1 caracterizado por ter unha carga octaédrica maior do 50%; a súa capacidade de intercambio catiónico débese á substitución isomorfa de Mg por Al no plano central de alúmina. A substitución de catións de valencia máis baixa neses casos deixa os átomos de oxíxeno próximos cunha carga negativa neta que pode atraer catións. En contraste, a beidellita é unha esmectita cunha carga octaédrica maior do 50% orixinada por substitución isomorfa de Al por Si na lámina de sílice.
Os cristais individuais de montmorillonita non están estreitamente unidos, polo que a auga pode intercalarse, causando que esta arxila inche. O contido de auga da montmorillonita é variable e incrementa grandemente en volume cando absorbe auga.
Quimicamente, é un silicato hidróxido de sodio, calcio, aluminio e magnesio hidratado coa fórmula (Na,Ca)0.33(Al,Mg)2(Si4O10)(OH)2·nH2O. Os catións potasio, ferro e outros son substitutos comúns e a proporción exacta de catións varía coa fonte consultada. A miúdo aparece mesturado con clorita, moscovita, illita, cookeíta e caolinita.