Matilde de Inglaterra
From Wikipedia, the free encyclopedia
Matilde ou Maude,[lower-roman 1] coñecida como a emperatriz Matilde[1] (en latín, Mathildis [Imperatrix]; en anglonormando, [Imperatrice] Mahaut; en inglés moderno, [Empress] Matilda), nada en Winchester ou Sutton Courtenay posiblemente o 7 de febreiro de 1102 e finada en Ruán o 10 de setembro de 1167, foi reclamante do trono inglés durante a guerra civil coñecida como a Anarquía. Filla do rei Henrique I de Inglaterra, mudouse ao Sacro Imperio e sendo nena casou co futuro emperador Henrique V. Viaxou co seu marido a Italia en 1116, foi coroada na basílica de San Pedro baixo unha gran polémica e actuou como rexente imperial en Italia. Matilde e Henrique V non tiveron fillos e cando el morreu en 1125, a Coroa foi reclamada por Lotario II, un dos seus inimigos políticos.
Namentres, o irmán máis novo de Matilde, Guillerme Adelin, morreu no desastre do Barco Branco en 1120, o que deixou Inglaterra nunha inminente crise de sucesión. Despois da morte de Henrique V, Matilde foi chamada a Normandía polo seu pai, quen fixo os arranxos para que casase con Godofredo de Anjou e así formar unha alianza para protexer as súas fronteiras meridionais. Henrique non tiña fillos lexítimos e nomeou a Matilde como a súa herdeira, o que obrigaba a súa corte a xurar lealdade cara a ela e os seus sucesores, mais a decisión non foi popular na corte anglonormanda. Henrique I morreu en 1135, pero Matilde e Godofredo V enfrontáronse á oposición dos baróns normandos e non puideron continuar coas súas reclamacións. O trono foi tomado polo primo de Matilde, Estevo de Blois, quen gozaba do apoio da Igrexa católica en Inglaterra. Estevo tomou medidas para consolidar o seu novo réxime, pero enfrontou ameazas tanto das potencias veciñas como dos opositores dentro do seu reino.
En 1139, Matilde arribou a Inglaterra para tomar o reino pola forza, co apoio do seu medio irmán, Roberto de Gloucester, e o seu tío, o rei David I de Escocia, mentres que Godofredo V se concentrou na conquista de Normandía. As forzas de Matilde capturaron a Estevo na batalla de Lincoln de 1141, pero o seu intento de ser coroada raíña en Westminster fracasou ante a dura oposición das multitudes de Londres. Como resultado da súa retirada, Matilde nunca foi formalmente declarada raíña de Inglaterra e, en cambio, foi titulada «señora dos ingleses». Roberto foi capturado durante o tumulto de Winchester en 1141 e Matilde aceptou cambialo por Estevo. Quedou aprisionada no castelo de Oxford polas forzas de Estevo no inverno dese ano e viuse forzada a escapar a través do xeado río Támese pola noite para evitar a súa captura. A guerra estancouse, con Matilde controlando gran parte do suroeste de Inglaterra e Estevo o sueste e as Midlands. O resto do país estaba en mans de baróns locais e independentes.
En 1148, Matilde regresou a Normandía, xa en mans do seu esposo, e legou o seu fillo máis vello para continuar a campaña en Inglaterra, quen finalmente ascendeu ao trono como Henrique II en 1154. Ela estableceu a súa corte preto de Ruán e o resto da súa vida encargouse da administración de Normandía, actuando en nome de Henrique II cando foi necesario. Nos primeiros anos do reinado do seu fillo, proporcionou asesoramento político e tentou mediar durante a controversia de Becket. Traballou exhaustivamente coa Igrexa, fundou mosteiros cistercienses e era coñecida pola súa piedade. Foi inhumada baixo o altar maior da abadía de Bec despois da súa morte en 1167.