Isabel I de Castela
Raíña da coroa de Castela / From Wikipedia, the free encyclopedia
Isabel I de Castela, nada en Madrigal de las Altas Torres o 22 de abril de 1451[1] e finada en Medina del Campo o 26 de novembro de 1504. Foi raíña de Castela desde 1474 ata 1504, raíña consorte de Sicilia desde 1469 e de Aragón desde 1479,[2] polo seu matrimonio con Fernando de Aragón. É chamada «a Católica», título que lles foi outorgado a ela e ao seu marido polo papa Alexandre VI mediante a bula Si convenit, o 19 de decembro de 1496.[3] É polo que se coñece a parella real co nome de Reis Católicos, título que usarían en diante practicamente todos os reis de España.
Casou en 1469 co príncipe Fernando de Aragón. Polo feito de ser primos segundos necesitaban unha bula papal de dispensa que só conseguiron de Sisto IV a través do seu enviado o cardeal Rodrigo Borgia en 1472. Ela e o seu esposo Fernando conquistaron o reino de Granada e participaron nunha rede de alianzas matrimoniais que fixeron que o seu neto, Carlos, herdase as coroas de Castela e de Aragón, outros territorios europeos e se convertese en emperador do Sacro Imperio Romano.[4]
Isabel e Fernando fixéronse co trono tras unha longa loita, primeiro contra o rei Henrique IV[5] e de 1475 a 1479 na Guerra de Sucesión castelá contra os partidarios da outra pretendente ao trono, Xoana. [6] Isabel reorganizou o sistema de goberno e a administración, centralizando competencias que antes ostentaban os nobres; reformou o sistema de seguridade cidadá e levou a cabo unha reforma económica para reducir a débeda que o reino herdara do seu medio irmán, e predecesor no trono, Henrique IV. Tras gañar a guerra de Granada os Reis Católicos expulsaron os xudeus dos seus reinos[7] e, anos máis tarde, tamén os musulmáns.
Isabel concedeu apoio a Cristovo Colón na procura dunha nova ruta ás Indias, o que levou ao descubrimento de América.[8][9] Devandito acontecemento provocaría no futuro a conquista das terras descubertas e a creación do Imperio Español.
Isabel viviu 53 anos, dos cales gobernou 30 anos como raíña de Castela e 26 como raíña consorte de Aragón á beira de Fernando II.