Guerra de Sucesión castelá
conflito bélico pola sucesión de Castela entre Isabel I de España e Xoana a Beltranexa / From Wikipedia, the free encyclopedia
Chámase Guerra de Sucesión castelá ao conflito bélico que se produciu de 1475 a 1479 pola sucesión da coroa de Castela entre os partidarios de Xoana de Trastámara, filla do defunto monarca Henrique IV de Castela, e os de Isabel, medio irmá deste último.
Guerra de Sucesión castelá | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Esquerda: Isabel I de Castela. Dereita: Xoana de Trastámara, «a Beltranexa». | |||||||||
| |||||||||
Belixerantes | |||||||||
Isabelinos Coroa de Aragón |
Xoanistas Reino de Portugal Reino de Francia | ||||||||
Líderes | |||||||||
Isabel I de Castela Pedro Glez. de Mendoza Fernando o Católico Alonso de Cárdenas Rodrigo Manrique † Jorge Manrique † |
Xoana a Beltranexa Alfonso Carrillo de Acuña Diego López Pacheco Rodrigo Téllez Girón Afonso V de Portugal Xoán de Portugal Lois XI de Francia |
A guerra tivo un marcado carácter internacional porque Isabel estaba casada con Fernando, herdeiro da coroa de Aragón, mentres que Xoana casou co rei Afonso V de Portugal. Francia tamén interveu, apoiando a Portugal para evitar que Aragón, o seu rival en Italia, se unise á poderosa Castela.
A pesar dalgúns éxitos iniciais para os partidarios de Xoana, a escasa agresividade militar de Afonso V e a derrota portuguesa na batalla de Toro levaron á desintegración do bando xoanista entre 1476 e 1477. A partir de entón o conflito consistiu esencialmente nunha guerra entre Castela e Portugal, cobrando grande importancia a guerra naval no océano Atlántico, onde as frotas portuguesas impuxéronse ás castelás na loita polo acceso ás riquezas de Guinea.
A guerra concluíu en 1479 coa firma do Tratado de Alcáçovas, que recoñecía a Isabel e Fernando como reis de Castela e outorgaba a Portugal a hexemonía no Atlántico, coa excepción das illas Canarias. Xoana perdeu o seu dereito ao trono e tivo que permanecer en Portugal ata a súa morte.
Este conflito foi chamado tamén guerra civil castelá, pero este nome induce a confusión con outras guerras civís que afectaron a Castela nos séculos XIV e XV. Algúns autores falan de guerra de Portugal pero este nome é parcial (claramente denota un punto de vista castelán) e fai esquecer que o bando xoanista tamén podía considerarse castelán lexitimamente. Outras veces utilizouse o termo guerra peninsular, a non confundir co nome inglés da guerra da Independencia española (1808-1814). Para rematar, algúns autores prefiren a expresión neutra de guerra de 1475-1479.