Hiénidos
familia de mamíferos / From Wikipedia, the free encyclopedia
A dos hiénidos (Hyaenidae) é unha familia de mamíferos carnívoros pertencente á suborde dos feliformes, que son coñecidos co nome de hienas.[1] Na actualidade inclúe tres xéneros: Hyaena, Crocuta e Proteles, con tan só catro especies en total. É, con moita diferenza, a familia menos numerosa da súa orde, e unha das máis pequenas dentro dos mamíferos.[2] Porén, a pesar da súa baixa diversidade, as hienas son únicas e constitúen un compoñente vital para os ecosistemas das zonas onde viven (África e o suroeste de Asia).[3]
Hiénidos Hyaenidae Hienas Rango fósil: mioceno - actualidade | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Hiena pinta (Crocuta crocuta) con dous cachorros | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Subfamilias e Xéneros | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||
|
Aínda que filoxeneticamente as hienas son próximas aos félidos e aos vivérridos, a súa morfoloxía e a súa forma de ser son similares ás dos cánidos en moitos aspectos: ambos os grupos —hienas e cánidos— non teñen locomoción arbórea (habilidade de gabear polas árbores), e son cazadores á carreira que atrapan as súas presas cos seus dentes en vez de coas garras. Trátase, polo tanto, dun proceso de converxencia evolutiva.
As hienas son grandes carnívoros do Vello Mundo, perfectamente adaptados á necrofaxia, caracterizados polas súas longas patas, as anterores máis longas que as posteriores —o que lles dá o seu aspecto caracterísrico, co lombo descendente— e a súa gran cabeza con poderosas queixadas e dentes que as capacitan para triturar e inxerir con facilidade os maiores ósos.[4][5]
Aínda que son preeiros e que practican o cleptoparasitismo (é ben sabido que espantan a leopardos e leóns para que abandonen as súas presas mortas), as hienas, especialmente a hiena pinta, ocasionalmente cazan por si mesmas. As trabadas das hienas son as máis fortes entre as dos mamíferos. Son principalmente animais nocturnos, pero tamén se aventuran fóra dos seus tobos ás primeiras horas da mañá. Coa excepción da moi sociábel hiena pinta, non son animais gregarios, aínda que viven en grupos familiares e se congregan para cazaren.[6]
Unha característica típica das hienas son os seus ouveos-ladridos, xeralmente nocturnos, que semellan un macabro riso humano. Con estes gritos manteñen a cohesión da manda e moi presumibelmente espantan a outros animais competidores.
Os hiénidos apareceron por primeira vez en Eurasia durante o mioceno, e derivan de antepasados semellantes aos vivérridos. Diversificáronse en dúas ramas distintas: hienas parecidas a cans, con estrutura lixeira, e hienas robustas trituradoras de ósos. Aínda que as "hienas parecidas a cans" prosperaron hai 15 millóns de anos (cun taxon que colonizou Norteamérica), desapareceron despois do cambio climático xunto coa chegada dos cánidos a Eurasia; desta liñaxe só sobreviviu o insectívoro lobo de terra ou proteles (Proteles cristata), mentres que as "hienas trituradoras de ósos", cuxos membros existentes hoxe son a hiena pinta (Crocuta crocuta), a hiena riscada ou listada (Hyaena hyaena) e a hiena parda (H. brunea), convertéronse nos principais preeiros de Eurasia e África.[6]