Óso
órgano duro que forma parte do endoesqueleto dos vertebrados / From Wikipedia, the free encyclopedia
O óso é un órgano firme, duro e resistente que forma parte do endoesqueleto dos animais vertebrados. Está composto principalmente por tecido óseo, un tipo especializado de tecido conectivo constituído por células, e compoñentes extracelulares calcificados. Os ósos tamén posúen cubertas de tecido conectivo (periósteo) e cartilaxe, vasos, nervios, e algúns conteñen tecido hematopoético e adiposo (medula ósea).
Os ósos posúen formas moi variadas e cumpren varias funcións. Cunha estrutura interna complexa pero moi funcional que determina a súa morfoloxía, os ósos son lixeiros mais moi resistentes e duros.
O conxunto total e organizado das pezas óseas (ósos) conforma o esqueleto ou sistema esquelético. Cada peza cumpre unha función en particular e de conxunto en relación coas pezas próximas ás que está articulada. Os ósos no ser humano son órganos tan vitais como os músculos ou o cerebro, e cunha ampla capacidade de rexeneración e reconstitución. Porén, vulgarmente tense unha visión do óso como unha estrutura inerte, posto que o que xeralmente queda á vista son as pezas óseas —secas e libres de materia orgánica— dos esqueletos despois da descomposición dos cadáveres.