Georg Wilhelm Friedrich Hegel
filosofo alemán / From Wikipedia, the free encyclopedia
Georg Wilhelm Friedrich Hegel, nado en Stuttgart (Baden-Württemberg) o 27 de agosto de 1770 e finado o 14 de novembro de 1831 en Berlín, foi un filósofo alemán e un importante persoeiro do idealismo alemán. Acadou gran sona no seu tempo e, aínda que influíu principalmente na tradición continental da filosofía, volveuse tamén cada vez máis influente na tradición analítica[1]. Aínda que segue a ser unha figura divisiva, a súa importancia canónica dentro da filosofía occidental é recoñecida de xeito universal.
O seu principal logro é o desenvolvemento da distintiva articulación do idealismo, ás veces denominado «idealismo absoluto»[2], na que se superan os dualismos de, por exemplo, a mente e a natureza e o suxeito e obxecto. A súa filosofía do espírito integra conceptualmente a psicoloxía, o Estado, a historia, a arte, a relixión e a filosofía. A súa achega sobre a dialéctica do amo e do escravo influíu enormemente, especialmente na Francia do século XX. De salientábel importancia é o seu concepto de espírito (Geitst, ás veces traducido como «mente») como a manifestación histórica do concepto lóxico e a «sublimación» (Aufhebung 'integración sen unha eliminación ou redución') de factores aparentemente contraditorios ou opostos; exemplos inclúen a aparente oposición entre a natureza e a liberdade e entre a inmanencia e transcendencia. Hegel foi visto no século XX como o creador da tríade da tese-antítese-síntese[3]; porén, isto foi citado por primeira vez por Johan Gottlieb Fichte[4].
Hegel influíu unha chea de pensadores e escritores cuxas propias posicións varían notabelmente. Karl Barth describiu a Hegel como un «aquiniano protestante», mentres que Maurice Merleau-Ponty escribiu que: «Todas as grandes ideas filosóficas do século pasado —as filosofías de Marx e Nietzsche, a fenomenoloxía, o existencialismo alemán e a psicanálise— tiveron os seus comezos en Hegel».