Cólera
infección intestinal aguda causada pola bacteria Vibrio cholerae / From Wikipedia, the free encyclopedia
O cólera é unha enfermidade infecciosa intestinal aguda, que a miúdo se presenta como unha epidemia, causada pola inxestión de alimentos ou auga contaminados polos serotipos O1 e O139 da bacteria Vibrio cholerae, ten un período de incubación curto, entre menos dun día e cinco días, e a bacteria produce unha enterotoxina que causa unha diarrea copiosa, indolora e acuosa que pode conducir con rapidez a unha grave deshidratación e á morte se non se trata con rapidez.[1] A maior parte dos pacientes tamén sofren vómitos.
Cólera | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Bacteria Vibrio cholerae | |
ICD-10 | A00 |
ICD-9 | 001 |
OMIM | 166600 |
DiseasesDB | 29089 |
MedlinePlus | 000303 |
eMedicine | 351/med |
MeSH | D002771 |
MeSH | C01.252.400.959.347 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A enfermidade, orixinaria de Asia, concretamente do delta do río Ganxes, estendeuse dende finais do século XIX por todo o mundo para, posteriormente, retroceder e volver a concentrarse no sur de Asia. Os portos marítimos foron a vía de entrada habitual da enfermidade. Rexistráronse seis pandemias que mataron millóns de persoas en toda Europa, África e as Américas. A sétima pandemia, que aínda está en curso, comezou en 1961 no sur de Asia, chegou a África en 1971 e a América en 1991. A enfermidade considérase endémica en moitos países e o axente patóxeno que causa o cólera hoxe en día non pode ser eliminado do medio ambiente.
O cólera produciu varias epidemias, algunhas delas de alcance practicamente mundial, como a que, partindo da India (zona de Bengala), chegou a Europa e América a principios do século XIX. En xaneiro de 1991 xurdiu unha epidemia de cólera en varios países do norte de América do Sur que se difundiu rapidamente. O gromo máis recente de cólera está rexistrado en Haití, por mor dos estragos do terremoto producido en xaneiro de 2010.
O cólera foi pouco frecuente nos países industrializados durante os últimos 100 anos; no entanto, esta enfermidade aínda é común noutras partes do mundo, incluíndo o subcontinente Indio, Sueste asiático, Latinoamérica e a África subsahariana.
Robert Koch identificou a bacteria Vibrio cholerae como causa do cólera no ano 1883. Trátase dunha proteobacteria en forma de coma. Hai formas clínicas distintas, algunhas de alta mortalidade e outras máis benignas.