Evolución das aves
From Wikipedia, the free encyclopedia
A evolución das aves empeza no Xurásico, cando as primeiras aves derivaron dun clado de dinosauros terópodos denominado Paraves.[1] As aves teñen a categoría taxonómica de clase, co nome Aves. Durante máis dun século, o pequeno dinosauro terópodo Archaeopteryx lithographica do Xurásico tardío era considerado a ave máis antiga. As filoxenias modernas sitúan as aves no clado dos dinosauros terópodos. Segundo o consenso actual, Aves e un grupo irmán, a orde Crocodilia, son os únicos membros vivos do clado (non clasificado nunha categoría) de "réptiles", denominado Archosauria. Só catro liñaxes de aves sobreviviron ao evento de extinción do Cretáceo–Paleoxeno de hai 66 millóns de anos, dando lugar ás avestruces e aves relacionadas (Paleognathae), patos e relacionadas (Anseriformes), aves que viven no chan (Galliformes), e as "aves modernas" (Neoaves).
Filoxeneticamente, Aves adoita definirse como todos os descendentes do antepasado común máis recente dunha especie de ave moderna específica (como o pardal Passer domesticus), e tamén Archaeopteryx,[2] ou, alternativamente, algunhas especies prehistóricas máis próximas a Neornithes (para evitar os problemas causados polas relacións pouco claras de Archaeopteryx con outros terópodos).[3] Se se usa esta última clasificación entón o grupo máis grande denomínase Avialae. Actualmente, a relación entre os dinosauros, Archaeopteryx e as aves modernas é aínda debatida.