Consenso científico
From Wikipedia, the free encyclopedia
O consenso científico é o xuízo, posición e opinión colectiva da comunidade científica nun determinado campo de estudo. Este consenso implica un acordo xeral entre os expertos, aínda que non necesariamente unha total unanimidade.[1]
Chégase ao consenso por medio da comunicación científica en conferencias e publicacións, e pola replicación reproducible dos resultados por outros, o debate erudito,[2][3][4][5] e a revisión por pares. Isto conduce a unha situación na cal os que pertencen a esa disciplina poden a miúdo recoñecer tal consenso cando exista; porén, pode ser difícil comunicar aos alleos que se chegou a ese consenso, porque os debates "normais" por medio dos cales progresa a ciencia poden parecer aos alleos unha contradición.[6] Nalgunhas ocasións, as institucións científicas emiten declaracións sobre a súa posición para comunicar un resumo da ciencia desde os "de dentro" aos "de fóra" da comunidade científica. Nos casos onde hai pouca controversia sobre unha materia en estudo, o establecemento do consenso pode ser bastante directo.
O debate popular e político sobre materias que son polémicas na esfera pública pero non necesariamente entre a comunidade científica pode apelar ao consenso científico: véxanse asuntos como a evolución,[7][8] o cambio climático,[9] ou a falta de ligazón entre a vacina MMR e o autismo.[6]