Eminem
From Wikipedia, the free encyclopedia
Marshall Bruce Mathers III, nado en St. Joseph, Missouri o 17 de outubro de 1972,[1] coñecido profesionalmente coma Eminem (estilizado EMINƎM), é un cantante de hip hop estadounidense, ademais de produtor musical e actor. Durante a súa carreira musical 10 dos seus álbums acadaron o número un na lista Billboard 200 e cinco dos seus sinxelos estiveron no primeiro posto da lista Billboard Hot 100.[2][3][4][5] Cun total de 45,1 millóns de álbums vendidos e 42 millóns de cancións vendidas nos Estados Unidos a data de xuño de 2014, Eminem é o segundo artista varón con máis vendas da era Nielsen SoundScan, o sexto artista co maior número de vendas nos Estados Unidos e artista con maior número de vendas do hip hop.[6][7][8] Globalmente vendeu máis de 172 millóns de álbms, sendo un dos artistas con maior número de vendas en todo o mundo. A revista Rolling Stone situouno na posición número 83 na súa lista dos 100 Mellores Artistas de Tódolos Tempos.[9]
Tralo seu álbum de estrea Infinite (1996) e o Slim Shady EP (1997), Eminem asinou co selo de Dr. Dre, Aftermath Entertainment, e acadou a popularidade no ano 1999 co álbum The Slim Shady LP, polo que obtivo o seu primeiro Grammy ó Mellor Álbum de Rap.[10] Os seus dous álbums seguintes, The Marshall Mathers LP (2000) e The Eminem Show (2002), acadaron un grande éxito en todo o mundo, conseguindo a certificación de diamante da RIAA e obtendo un novo Grammy ó Mellor Álbum de Rap por cada un deles.[10] A estes seguiulle Encore (2004), que foi outro éxito comercial e da crítica. Tras unha pausa no 2005, publicou Relapse no ano 2009 e Recovery en 2010, gañando de novo un Grammy por cada un deles, con Recovery posicionándose coma o álbum máis vendido do mundo no 2010. O seu oitavo álbum de estudio, The Marshall Mathers LP 2 (2013), gañou dous premios Grammy.[10]
A maiores da súa carreira en solitario, Eminem é un dos membros orixinais dos grupos Soul Intent e D12.[1] Tamén colaborou con Royce da 5'9", baixo o nome colectivo de Bad Meets Evil.[11] Fundou o selo Shady Records co director executivo Paul Rosenberg, con artistas destacados coma 50 Cent. En novembro de 2002 protagonizou o filme 8 Mile, que gañou un Premio Oscar a mellor canción orixinal co tema "Lose Yourself".[12] Eminem fixo varios cameos nos filmes The Wash (2001), Funny People (2009), The Interview (2014) e na serie de televisión Entourage (2010).[13][14]