Discurso de Gazimestan
From Wikipedia, the free encyclopedia
O discurso de Gazimestan ou discurso de Milošević en Kosovo Polje foi o que pronunciou o 28 de xuño de 1989 Slobodan Milošević, daquela presidente da República Socialista de Serbia. Foi a peza central dunha xornada dedicada a conmemorar o 600º aniversario da Batalla de Kosovo Polje (Batalla do Campo dos Merlos), na que o reino medieval serbio fora derrotado polo Imperio Otomán. O discurso foi pronunciado ante un millón de persoas,[1] no lugar onde se librara a batalla, o campo de Gazimestan en Kosovo Polje, no centro de Kosovo. Produciuse nun contexto de intensa tensión étnica entre serbios e albaneses en Kosovo e o aumento das tensións políticas entre Serbia e as repúblicas constituíntes da entón República Socialista Federativa de Iugoslavia.
Discurso de Gazimestan | |
---|---|
Datos | |
Data | 28 de xuño de 1989 |
Lugar | Gazimestan, Kosovo Polje 42°41′26″N 21°07′24″L |
País | Iugoslavia |
Motivo | 600º aniversario da Batalla de Kosovo Polje |
Orador | Slobodan Milošević |
Asistentes | 1 000 000[1] |
Idioma | serbio |
O discurso converteuse en famoso pola referencia de Milošević á posibilidade de "enfrontamentos armados", no futuro do desenvolvemento nacional de Serbia. Moitos comentaristas describírono como presaxio da disolución de Iugoslavia e o derramamento de sangue das guerras iugoslavas. O discurso fala textualmente de "batallas" no contexto de "recuperación económica, prosperidade política, cultural e social en xeral"[2] e el mesmo dixo máis tarde que fora manipulado. Esta tese compártena distintos analistas, que manteñen que a posterior terxiversación da mensaxe trouxo funestas consecuencias para posteriores sucesos na rexión.[3]