Cuarto de dólar da Liberdade en pé
antiga moeda circulante estadounidense / From Wikipedia, the free encyclopedia
O cuarto de dólar da Liberdade en pé (en inglés: Standing Liberty quarter) é unha moeda estadounidense dese valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1916 e 1930. Sucedeu a moeda correspondente da serie Barber, cuñada desde 1892. A moeda foi deseñada polo escultor estadounidense Hermon Atkins MacNeil, e amosa a deusa da Liberdade no anverso e unha aguia en voo no reverso.
Cuarto dólar da Liberdade en pé [1][2][3] | |
---|---|
A/: A Liberdade en pé, ollando cara a esquerda, cun peito descuberto, sostendo un escudo coa esquerda e unha póla de oliveira coa dereita; 13 estrelas aos lados. Marca de gravador (M). Data no exego.
Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST |
R/: Aguia en voo cara á dereita coas ás despregadas. 13 estrelas.
Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURUBUS UNUM / QUARTER DOLLAR. |
|
En 1915, o director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Robert W. Woolley, iniciou os trámites para substituír as moedas de prata de dez centavos, dun cuarto de dólar e de medio dólar da serie Barber, xa que cría, erroneamente, que a lei esixía novos deseños. MacNeil presentou para tal propósito un deseño militarista que amosaba a Liberdade en garda contra un ataque. A Casa da Moeda exixiulle a MacNeil modificacións do deseño inicial, e este presentou unha versión revisada que incluía golfiños para representar os océanos. A finais de 1916, os responsables da Casa da Moeda introduciron novos cambios importantes no deseño sen consultar a MacNeil, e o escultor queixouse logo de recibir os exemplares xa cuñados da nova emisión, en xaneiro de 1917.
Así as cousas, a Casa da Moeda promoveu unha lei especial que lle permitiu a MacNeil redeseñar a moeda ao seu gusto, e un dos cambios introducidos polo escultor foi a adición dunha cota de malla que cubría o peito da Liberdade, que na primeira versión estaba espido.
Nas moedas postas en circulación, a data da moeda acabou por borrarse axiña, polo que os gravadores da Casa da Moeda axustaron o deseño en 1925 para solucionar o problema.
Finalmente, en 1931 deixouse de cuñar esta moeda e en 1932 o Congreso aprobou no canto dela o coñecido como cuarto de dólar Washington, co perfil do primeiro presidente estadounidense, para celebrar o bicentenario do seu nacemento.