![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/a/a0/Lucas_Cranach_%2528I%2529_-_Adam_and_Eve-Paradise_-_Kunsthistorisches_Museum_-_Detail_Tree_of_Knowledge.jpg/640px-Lucas_Cranach_%2528I%2529_-_Adam_and_Eve-Paradise_-_Kunsthistorisches_Museum_-_Detail_Tree_of_Knowledge.jpg&w=640&q=50)
Coñecemento
Familiaridade adquirida por un ser vivo / From Wikipedia, the free encyclopedia
O coñecemento[1] adoita entenderse como:
- Feitos, ou datos de información adquiridos por unha persoa a través da experiencia ou a educación, a comprensión teórica ou práctica dun tema ou obxecto da realidade.
- O que se adquire como información relativa a un campo determinado ou á totalidade do universo.
- Conciencia ou familiaridade adquirida pola experiencia dun feito ou situación.
- Inclúe o "saber que" (know what), o "saber como" (know how) e o "saber onde" (know where).
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/a/a0/Lucas_Cranach_%28I%29_-_Adam_and_Eve-Paradise_-_Kunsthistorisches_Museum_-_Detail_Tree_of_Knowledge.jpg/320px-Lucas_Cranach_%28I%29_-_Adam_and_Eve-Paradise_-_Kunsthistorisches_Museum_-_Detail_Tree_of_Knowledge.jpg)
Non existe, polo tanto, unha única definición de coñecemento. Porén existen moitas perspectivas desde as que se pode considerar o coñecemento, sendo un problema histórico da reflexión filosófica e da ciencia a consideración da súa función e fundamento.
O coñecemento é, por unha banda, o estado de quen coñece ou sabe algo e, por outra banda, os contidos sabidos ou coñecidos como patrimonio global da humanidade. Por exemplo, un coñecemento amplamente compartido nas sociedades actuais é o feito de que a Terra é un xeoide.
Por extensión, adoita chamarse tamén coñecemento a todo o que un individuo ou unha sociedade dados considera sabido ou coñecido. Neste sentido, diríase por exemplo que a existencia de bruxas e trasgos era coñecida na Idade Media, mentres que, desde o punto de vista actual, estas crenzas son infundadas e non constitúen, xa que logo, coñecementos.
Sen dúbida, as ciencias constitúen un dos principais tipos de coñecemento.
O coñecemento, a súa natureza, a súa variedade, o xeito de como é adquirido, o proceso da súa adquisición, os seus valores e o seu papel nas sociedades humanas, estúdanse nunha variedade de disciplinas, incluíndo a filosofía, a epistemoloxía, a ciencia, a psicoloxía, as ciencias cognitivas, a antropoloxía e a socioloxía.