Comportamento deimático
From Wikipedia, the free encyclopedia
En etoloxía, un comportamento deimático, exhibición deimática ou exhibición asustadora[1] é calquera padrón de comportamento de farol con ánimo de asustar que se observa nun animal que carece de fortes defensas, como mostrar ocelos moi rechamantes para espantar ou distraer momentaneamente un predador, o que lle dá á presa a oportunidade de escapar.[2][3] O termo deimático orixinouse a partir do grego δειματόω (deimatόo), que significa 'asustar, amedrentar'.[4][5]
As exhibicións deimáticas danse en grupos moi distantes de animais, como nas avelaíñas, bolboretas, barbantesas e fásmidos entre os insectos. Nos cefalópodos, diferentes especies de polbos,[6] luras, chocos e no argonauta son deimáticas.
As exhibicións clasifícanse como deimáticas ou aposemáticas de acordo coas respostas dos animais que as ven. Cando os depredadores son inicialmente asustados pero aprenden a comer a presa que fai a exhibición, a exhibición clasifícase como deimática e a presa está facendo un farol. Cando o predador continúa evitando a presa despois de probala, a exhibición considérase aposemática, o que significa que a presa ten verdadeiramentre mal sabor. Porén, estas categorías non son necesariamente mutuamente excluíntes. É posible que un comportamento sexa á vez deimático e aposemático se á vez asusta o predador e indica a presenza de adaptacións antipredador.
Os vertebrados, incluíndo varias especies de ras presentan exhibicións de advertencia; algunhas destas especies teñen glándulas de veleno. Entre os mamíferos, tales exhibicións atópanse en especies con fortes defensas, como as mofetas fedorentas e os porcos espiños. Deste xeito, estas exhibicións nestas ras e mamíferos son polo menos en parte aposemáticas.