Cefalalxia
dores e molestias localizadas en calquera parte da cabeza / From Wikipedia, the free encyclopedia
Cefalalxia, cefalea (do latín cephalaea, e este do grego κεφαλαία, de κεφαλή, cabeza) ou dor de cabeza fai referencia ás dores e molestias localizadas en calquera parte da cabeza, nos diferentes tecidos da cavidade cranial, nas estruturas que o unen á base do cranio, os músculos e vasos sanguíneos que rodean o coiro cabeludo, face e pescozo. Na linguaxe coloquial cefalalxia é sinónimo de dor de cabeza.[1].
Cefalalxia | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Representación caricaturesca dunha dor de cabeza, pintura de George Cruikshank (1819). | |
ICD-10 | G43-G44, R51 |
ICD-9 | 339, 784.0 |
DiseasesDB | 19825 |
MedlinePlus | 003024 |
eMedicine | neuro/517 neuro/70 |
MeSH | D006261 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
As dores de cabeza frecuentes poden afectar as relacións persoais e o emprego.[2] Dáse tamén un gran risco de depresión en persoas con dores de cabeza severas.[2] É un dos síntomas máis comúns na medicina, e unha das razóns máis frecuentes das consultas a especialistas clínicos, pediatras e neurólogos, fisioterapeutas especializados en osteopatía e acupuntura. A cefalea é un síntoma universal no ser humano. Estímase que entre o 90 e o 100% das persoas terán algún tipo de dor de cabeza ao longo da vida.[3]
As cefaleas máis comúns do ser humano son a xaqueca e a cefalalxia tensional. A meirande parte das cefaleas non teñen unha causa subxacente grave e só unha de cada 1.000 das que chegan a necesitar de asistencia médica se deben a un tumor.
Desde a antigüidade coñécese a demanda de asistencial debido a cefalalxias: o trastorno xa é citado nalgúns documentos sumerios e exipcios. Hipócrates refírese, con gran coñecemento, ás cefaleas e individualiza con gran precisión a xaqueca con aura. Posteriormente a estes primeiros achegamento á temática houbo outros tratados cara ao tema ao longo da historia e en especial a partir da segunda metade do século XIX. Con todo non foi ata o ano 1948 cando se sistematizan por primeira vez hipóteses rigorosas (actualmente en parte superadas) sobre a patoxenia das diferentes cefaleas, grazas á publicación de Headache and other head pain Harold Wolff.[4]