Camillo Benso
político e estadista da Italia anterior á unificación / From Wikipedia, the free encyclopedia
Camillo Benso, conde de Cavour, nado en Turín o 10 de agosto de 1810 e finado o 6 de xuño de 1861, foi un político e estadista da Italia anterior á unificación.
Foi ministro do Reino de Sardeña de 1850 a 1852, presidente do Consello de Ministros do Reino de Sardeña de 1852 a 1859 e do 1860 a 1861. No mesmo 1861, coa proclamación do Reino de Italia, converteuse no primeiro presidente do Consello de ministros do novo Estado, cargo que ocupou ata a súa morte ese mesmo ano.
Foi protagonista do Risorgimento como partidario das ideas liberais, do progreso civil e económico, do anticlericalismo, dos movementos nacionais e da expansión do Reino de Sardeña fronte ao Imperio Austríaco e os Estados italianos de antes da unificación.
En economía promoveu o mercado libre, os grandes investimentos industriais (sobre todo no campo ferroviario) e a cooperación entre público e privado. En política apoiou e defendeu a promulgación do Estatuto albertino. Xefe da chamada dereita histórica, asinou un acordo coa esquerda, coa que realizou diversas reformas. Confrontou abertamente as ideas republicanas de Giuseppe Mazzini e enfrontouse a miúdo a Giuseppe Garibaldi, de cuxas accións temía un potencial revolucionario.
En política exterior teceu con habilidade unha alianza con Francia grazas á cal, coa segunda guerra da Independencia, obtivo a expansión territorial do Reino de Sardeña na Lombardía. Conseguiu manexar os eventos políticos (disturbios no Gran Ducado de Toscana, nos ducados de Módena e Parma e no Reino das Dúas Sicilias) que xunto á Expedición dos Mil levaron á formación do Reino de Italia.